Concello de Ourense DEREITOS SOCIAIS SERVIZOS PÚBLICOS

Esixiremos a ampliación das prazas do servizo Xantar na Casa no pleno do Concello de Ourense

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE ESIXEN A TRAVÉS DUNHA MOCIÓN A AMPLIACIÓN DAS PRAZAS DO PROGRAMA XANTAR NA CASA

Actualmente, en Ourense, só hai 62 prazas; pero un total de 9 veciños e veciñas permanecen en espera tras solicitar o servizo”, explica a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González

Tal e como recolle o texto rexistrado, para o que esperan obter o respaldo do resto dos grupos políticos, cómpre lembrar que “a propia cláusula terceira do convenio establece que este número máximo de persoas beneficiarias poderá ser modificado mediante a sinatura da correspondente addenda de modificación”

Ourense, 3 de setembro de 2025. As e os socialistas do Concello de Ourense entenden que o progama de Xantar na Casa constitúe un servizo social básico dirixido a persoas maiores ou en situación de dependencia que facilita unha alimentación equilibrada e adaptada ás súas necesidades a través da entrega de menús a domicilio. Por este motivo, e ante o número de demandantes en lista de agarda, reclamarán ante o goberno municipal que reclame á Xunta de Galicia o incremento de beneficiarios do mesmo.

“Trátase dun recurso de importancia para a mellora da calidade de vida das e dos usuarios, a promoción da autonomía persoal e o mantemento da súa permanencia no fogar a través da menús a domicilio. Actualmente, en Ourense, só hai 62 prazas; pero un total de 9 veciños e veciñas permanecen en espera tras solicitar o servizo”, explica a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González.

Entenden as e os socialistas que a realidade social amosa que a demanda segue a medrar, polo que resulta urxente reforzar o programa, ampliar prazas e habilitar crédito suficiente para atender todas as solicitudes pendentes e futuras. “Non resulta admisible que un servizo tan sensible quede limitado por falta de previsión ou vontade política”, engade a tamen secretaria de Políticas Sociais da Comisión Executiva Nacional Galega do partido.

Así as cousas, as e os socialistas urxen a que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome realice, de inmediato, as xestións precisas co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta para asinar unha addenda ao convenio actual que permita ampliar o número de beneficiarios e atender “tanto ás persoas en lista de agarda como ás futuras demandantes”.

Tal e como recolle o texto rexistrado, para o que as e os socialistas esperan obter o respaldo do resto dos grupos políticos, cómpre lembrar que “a propia cláusula terceira do convenio establece que este número máximo de persoas beneficiarias poderá ser modificado mediante a sinatura da correspondente addenda de modificación”, sempre que se xustifique a necesidade e exista consignación orzamentaria axeitada por parte das institucións asinantes.

Do mesmo xeito, a deputada no Parlamento de Galicia por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, insistirá no Pazo do Hórreo con outra iniciativa para presentar a demanda tamén ante o goberno autonómico e garantir que ningunha persoa que cumpra os requisitos quede sen cobertura por cuestións administrativas ou de limitación de prazas.