AS E OS SOCIALISTAS URXIRÁN AO GOBERNO DE JÁCOME A QUE ELABORE E APROBE UN PLAN DE EMERXENCIAS MUNICIPAL (PEMU) PARA O CONCELLO DE OURENSE
“Trátase dunha ferramenta clave de planificación preventiva, que permite identificar riscos no territorio, analizar recursos dispoñibles (tanto humanos como materiais e técnicos), e establecer protocolos de actuación claros ante emerxencias: evacuacións, confinamentos, activación de centros operativos, coordinación interinstitucional ou aviso á poboación”, reclama a portavoz do PSdeG, Natalia González
Un dos puntos de acordo da moción que defenderán reclama que se impulse á creación dunha xunta técnica consultiva, formada polos responsables dos servizos municipais correspondentes, representantes dos grupos municipais, e outros axentes relevantes, coa finalidade de supervisar e impulsar a elaboración, participación cidadá, formación e simulacros
Ourense, 4 de setembro de 2025. O grupo municipal socialista vén de rexistrar unha moción para o seu debate na sesión plenaria ordinaria que terá lugar mañá no Concello de Ourense e na que urxen ao executivo local a elaborar e aprobar un Plan de Emerxencias Municipal (PEMU). “Entendemos que se trata dunha ferramenta clave de planificación preventiva, que permite identificar riscos no territorio, analizar recursos dispoñibles (tanto humanos como materiais e técnicos), e establecer protocolos de actuación claros ante emerxencias: evacuacións, confinamentos, activación de centros operativos, coordinación interinstitucional ou aviso á poboación”, comeza expoñendo a portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez.
Malia que a Xunta de Galicia ofrece unha guía técnica para a elaboración do PEMU –que define os contidos mínimos e os requisitos formais– e que xa existen outras localidades cun plan de seu, a terceira cidade de Galicia aínda non dispón dun documento deste tipo en vigor. “Esta carencia pon en risco a seguridade da poboación ante incendios, inundacións ou outras emerxencias”, analiza a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.
“Varios concellos galegos contan xa cun PEMU aprobado e en funcionamento, o que lles permite mellorar a resposta ante riscos locais e adaptar estratexias de emerxencia ás súas realidades urbanas e rurais. Ademais, concellos próximos como Barbadás están en pleno proceso de implantación do seu plan, coa constitución dunha xunta de Protección Civil e coa aposta por campañas de formación e simulacros civís”, afirma o texto rexistrado e para o que as e os socialistas agardan obter o respaldo do resto da Corporación.
Por todo elo, o grupo do PSdeG pide que se recollan –coa coordinación con Protección Civil, Policía Local, Bombeiros, e demais departamentos municipais– as necesidades de Ourense neste senso e que o PEMU leve aparellado un orzamento específico que garanta a súa implantación efectiva.
Por outra banda, un dos puntos de acordo reclama que se impulse á creación dunha xunta técnica consultiva, formada polos responsables dos servizos municipais correspondentes, representantes dos grupos municipais, e outros axentes relevantes, coa finalidade de supervisar e impulsar a elaboración, participación cidadá, formación e simulacros.

