concellos INICIATIVAS

O PSOE dos Blancos esixe controis de calidade das augas máis rigorosos

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE OS BLANCOS ESIXE CONTROIS DE CALIDADE DAS AUGAS “MÁIS RIGOROSOS” E O CUMPRIMENTO DAS COMPETENCIAS POR PARTE DA DEPUTACIÓN

Emilia López Blanco presenta unha moción para garantir o dereito da veciñanza á unha auga potable segura nun contexto de risco pola proximidade ao encoro contaminado das Conchas

Sobre a base de analíticas particulares, a voceira socialista denuncia que os niveis de trihalometanos superan máis da metade do máximo permitido para o consumo humano

A iniciativa impulsada polos socialistas dos Blancos sitúa a problemática dentro do contexto de contaminación crónica que afecta á comarca da Baixa Limia e interpela directamente á Deputación

Os Blancos, 8 de setembro do 2025. O A voceira do Grupo Municipal Socialista no Concello de Os Blancos, Emilia López Blanco, ven de rexistrar unha unha moción para esixir controis máis rigorosos da calidade das augas de abastecemento e garantir a protección da saúde pública da veciñanza. A iniciativa reviste especial relevancia polo contexto de risco que supón a proximidade do concello ao encoro das Conchas e os seus elevados niveis de contaminación crónica.

A moción socialista centra a denuncia na situación preocupante das dúas redes de abastecemento que subministran auga ao concello. Analíticas realizadas amosan concentracións de trihalometanos de até 62 µg/L na rede de Nocedo, que supera máis da metade do máximo permitido pola normativa vixente. Baseándose en estudos médicos, López alertou que a exposición prolongada aos trihalometanos asociase a un incremento do risco de diversos tipos de cancro e problemas reprodutivos.

Un dos aspectos centrais da iniciativa é a esixencia do cumprimento estrito das competencias que ten a Deputación de Ourense en materia de control da calidade das augas. Os Blancos está incluído no «Íntegro PCA» aprobado polo Pleno Provincial, polo que a corporación ten obrigas contractuais específicas. Estas responsabilidades inclúen analíticas completas, control de microcistinas, trihalometanos, praguicidas e a elaboración do protocolo de autocontrol das augas, servizos financiados mediante prezos públicos que o concello aboa.

A problemática de Os Blancos encádrase dentro do contexto máis amplo da contaminación que afecta á comarca da Baixa Limia. O encoro das Conchas presenta concentracións de cianotoxinas que triplican os valores admitidos pola Organización Mundial da Saúde, factores que supoñen un risco potencial para os sistemas de captación de auga da zona. Ademais, non hai que esquecer a demanda diante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que o concello está incluído entre os demandados por permitir a contaminación.

Transparencia e información á cidadanía

A iniciativa socialista inclúe unha serie de puntos de acordo que inclúen a adopción de sistemas de mostraxe rotatorios, apoio técnico da Deputación para desenvolver un plan integral de mellora e maior vixilancia por parte da Xunta e mesmo da Confederación Hidrográfica. López subliñou que «non estamos a pedir favores, senón que estamos a esixir o cumprimento das súas propias competencias e obrigas contractuais».

Os socialistas esixen “transparencia absoluta na información sobre a calidade das augas de abastecemento como un elemento fundamental para garantir os dereitos da veciñanza”. A iniciativa esixe que se publiquen todas as analíticas realizadas e que se cree un sistema de alertas que informe inmediatamente á poboación de calquera incidencia. «Demandamos que a veciñanza teña acceso a información completa sobre a calidade da auga que consume», declarou López.

A voceira socialista concluíu que nun contexto de crise medioambiental como o que afecta á comarca da Baixa Limia, todas as administracións deben extremar as precaucións. López anunciou que o grupo municipal seguirá traballando para garantir que todas as administracións adopten as medidas necesarias para protexer a saúde da poboación e o dereito fundamental á auga potable segura no concello de Os Blancos.