AS E OS SOCIALISTAS INSISTEN EN QUE O ALCALDE ESCOITE AS DEMANDAS DA CIDADANÍA RESPECTO AOS CAMBIOS NAS LIÑAS
Sinalaron o caos que se pode producir pola falta de información das últimas semanas e o declive do servizo público de transporte no que atinxe aos e ás estudantes do Campus Universitario, da UNED e dos diferentes centros formativos, así como dos barrios do rural
“Non se trata de recortar nin alongar percorridos, senón de ampliar a cobertura ata Seixalbo e O Pino, para que chegue tamén á mocidade que vive neses núcleos. A xente nova ten dereito a mobilidade sostible e a construír o seu proxecto de vida sen depender sempre do coche privado. A mocidade de Ourense non pode perder o bus”, sinalou a portavoz do PSdeG no Concello
Ourense, 15 de setembro de 2025. A voceira do grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, a edil Alba Iglesias e o secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, abordaron nunha rolda de prensa os cambios que a partir de mañá se porán en marcha nas liñas de autobús urbano na cidade. E moi especialmente sinalaron o caos que se pode producir pola falta de información das últimas semanas e o declive do servizo público de transporte no que atinxe aos e ás estudantes do Campus Universitario, da UNED e dos diferentes centros formativos, así como dos barrios do rural.
“O novo mapa de liñas prexudica especialmente á mocidade: o Campus Universitario das Lagoas queda sen servizo, a UNED segue sen cobertura e a conexión Estación–Campus continúa pendente”, expuxo a tamén secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González. “Para nós, estes cambios deixan atrás a unha parte moi importante dos veciños e veciñas. Non podemos permitir que a xente moza quede sin servizo para desprazarse ata onde están realizando a súa formación”, advertiu.
Así as cousas, a voceira do PSdeG tamén puxo o foco na relevancia do MouchoBus. “Non se trata de recortar nin alongar percorridos, senón de ampliar a cobertura ata Seixalbo e O Pino, para que chegue tamén á mocidade que vive neses núcleos. Alí a xente nova ten dereito a mobilidade sostible e a construír o seu proxecto de vida sen depender sempre do coche privado. A mocidade de Ourense non pode perder o bus”, engadiu.
Nesta liña, enfatizou que o grupo municipal socialista xa propuxo hai dous anos e medio a medida da gratuidade do transporte urbano e que nesta Semana da Mobilidade foi o único que propuxo alternativas e medidas como campañas de concienciación do uso de bicicletas e patinetes.
Pola súa banda, o secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, agradeceu ás e aos edís do PSdeG no Concello de Ourense o seu incesante labor para solicitar información, por parte do goberno de Gonzalo Pérez Jácome no que atinxe ás modificacións que só se publicitaron nas redes sociais do alcalde, e por ser quen de abrir un espazo de diálogo coa meirande parte das asociacións veciñais para canalizar as súas demandas e preocupacións. “Un traballador ou estudante aínda non sabe se mañá terá que camiñar máis dunha hora para chegar á universidade ou ao seu posto ou poderá ir en bus”, incidiu sobre o desconcerto da meirande parte da poboación.
Ademais, insistiu na incomunicación cos dous núcleos universitarios da cidade e destacou que noutras cidades galegas si existen liñas que comunican os campus e espazos de estudo cos diferentes barrios. “Tamén temos que denunciar que nas horas puntas nas que os e as estuantes chegan en bus ou tren as liñas de transporte urbano resultan insuficientes no que respecta ás frecuencias, que son moi baixas, e ao tamaño dos vehículos, por resultar pequenos”, afirmou poñendo o foco, máis polo miúdo, naqueles que residen en barrios periféricos como Piñor, Seixalbo ou Reza.
Neste senso, insistiu en reclamar o que xa propuxo o grupo do PSdeG no Concello de Ourense durante as pasadas semanas: que se leve a cabo unha proba piloto coas novas liñas ou ben que se estableza un periodo de arredor de 3 meses para decidir se se instauran de modo definitivo ou presentan eivas salvables.
Sobre os novos radares
As e os socialistas do Concello de Ourense tamén solicitaron por rexistro esta mesma mañá toda a información ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, garantías legais e transparencia para a posta en marcha dos novos radares e cámaras mañá.

