Concello de Ourense

Reclamamos unha solución definitiva para a fonte do Tinteiro

AS E OS SOCIALISTAS RECLAMAN UNHA SOLUCIÓN DEFINITIVA, NO CANTO DE “PARCHES”, PARA A FONTE DO TINTEIRO E QUE MODIFIQUEN AS BASES DE COMEDOR E LIBROS DO CONCELLO DE OURENSE

A portavoz do PSdeG, Natalia González, advertiu: “O que precisa O Tinteiro é un arranxo definitivo, non máis chapuzas que só agravan a situación. Xa denunciamos hai dous anos que isto acabaría mal, e agora pretenden repetir os mesmos erros

Non pode quedar ningunha familia fóra se cumpre os requisitos. As axudas de libros e comedor deben responder ás necesidades reais e non a unha xestión improvisada. Se non se corrixen de maneira profunda, o goberno local seguirá deixando desprotexidas a moitas familias ourensás”, defendeu

Ourense, 16 de setembro de 2025. O grupo municipal socialista denuncia a falta de responsabilidade e de planificación do goberno local que, esta mañá, nas Xuntas de Área, amosou de novo que o único que ofrece á cidade son parches e improvisación.

Ante as preguntas dos e das edís en relación co estado no que se atopa a histórica fonte termal do Tinteiro, os representantes do executivo recoñeceron que non van acometer a solución óptima, que sería cambiar a bomba da instalación; senón que optan por unha nova obra de reparación menor. E as e os socialistas consideran que isto non é máis que outro “parche máis” que non resolve o problema de fondo. Ademais, sinalan que se evidenciou a súa falta de seriedade ao botarse a pelota entre as áreas de Urbanismo e Termalismo, sen que ninguén asuma responsabilidades nin dea solucións reais.


A portavoz do PSdeG, Natalia González, advertiu: “O que precisa O Tinteiro é un arranxo definitivo, non máis chapuzas que só agravan a situación. Xa denunciamos hai dous anos que isto acabaría mal, e agora pretenden repetir os mesmos erros. Ourense non pode seguir perdendo o seu patrimonio termal pola incompetencia do goberno de Gonzalo Pérez Jácome”.

Desde o grupo socialista no Concello de Ourense tamén se puxo en valor o papel da asociación Amigos das Termas, que leva anos denunciando a degradación e reclamando unha intervención seria. “A voz da cidadanía e dos usuarios está clara: queremos solucións reais e inmediatas, non remendos que só maquillan o problema”, incidiu logo das sesións dos órganos de control ao executivo local.


Por outra banda, na Xunta de Área de Servizos Sociais, as edís socialistas insistiron, como xa fixeron anteriormente, en reclamar unha modificación profunda das bases das axudas de libros e comedor escolar para o curso 2026/27. Segundo argumentan, o “apaño” realizado para este curso deixou patente que resultou insuficiente e non garante a igualdade de oportunidades.


As concelleiras do PSdeG-PSOE afirmaron: “Non pode quedar ningunha familia fóra se cumpre os requisitos. As axudas de libros e comedor deben responder ás necesidades reais e non a unha xestión improvisada. Se non se corrixen de maneira profunda, o goberno local seguirá deixando desprotexidas a moitas familias ourensás”.