AS E OS SOCIALISTAS DE OURENSE CONMEMORAN A SUÁREZ E COUTO, “REFERENTES DE DIGNIDADE E SERVIZO PÚBLICO”, QUE FIXERON POSIBLE OS 129 ANOS DE HISTORIA DA AGRUPACIÓN
A Executiva Municipal do PSdeG de Ourense celebrou o seu aniversario cun acto, na sede do partido, ao que asistiron as familias dos dous históricos alcaldes socialistas
“Seguiremos esixindo reparación e dignidade para restaurar a memoria democrática e que non se esqueza o acontecido. Recoñecer o pasado fortalece a democracia actual porque asenta os seus valores sobre o respecto, a liberdade e a igualdade e non sobre o olvido e o silencio”, afirmou a secretaria xeral do partido na cidade
Ourense, 19 de setembro de 2025. A Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE celebrou os seus 129 anos de historia lembrando dúas figuras imprescindibles do partido e da historia da cidade: Manuel Suárez e Secundino Couto. Mais tamén afondaron nas orixes da propia agrupación local que se creou en 1896 xusto despois de que Pablo Iglesias Posse (fundador do partido) visitase Ourense por primeira vez no mes de setembro.
O secretario de Memoria Democrática da Executiva Provincial, Xosé Lois Carrión, repasou as figuras pioneiras do socialismo ourensán e o momento histórico que servíu de xérmolo para a orixe da agrupación. “A finais do século XIX os obreiros e campesiños ourensáns comezaron a ter conciencia de clase e a reivindicaren os seus dereitos e esixiren melloras nos postos de traballo fronte aos patróns”, rememorou.
“En xuño de 1895 tivo lugar en Ourense unha das maiores folgas, parando durante un longo período de tempo todos os traballos na construción en esixencia dunha xornada laboral de 10 horas. O éxito da loita supuxo o nacemento e posterior fortalecemento da Sociedade de Obreiros de Ourense”, explicou sobre os antecedentes fundacionais.
Pola súa banda, o seu homólogo na Executiva Municipal, Javier Quintas, estableceu paralelismos entre as dúas figuras ás que homenaxearon as e os socialistas da agrupación municipal e que desenvolveron traxectorias paralelas exercendo como rexedores do Concello de Ourense (Manuel Suárez, 1889-1937) e do Concello de Canedo (Secundino Couto, 1873-1960). “Ámbolos dous foron alcaldes, socialistas, líderes obreiros, canteiros e masóns”, enumerou engadindo que tamén padeceron represalias do bando Franquista.
A secretaria xeral do PSdeG na cidade, Natalia González, agradeceu ás familias das dúas figuras que asistiron ao acto que continúen a defender a memoria de dous homes fundamentais para o desenvolvemento social e económico de Ourense. “Mentres sexa necesario explicar por que é importante poñer o foco no que supuxo a Guerra Civil e o Franquismo, seguiremos esixindo reparación e dignidade para restaurar a memoria democrática e que non se esqueza o acontecido. Recoñecer o pasado fortalece a democracia actual porque asenta os seus valores sobre o respecto, a liberdade e a igualdade e non sobre o olvido e o silencio”, afirmou.
Tamén felicitou á militancia polos 129 anos de historia e por ofrecerlle “unha familia” na que poder defender os seus “valores e principios” que se atopan “máis vivos ca nunca”. Felicitacións ás que se sumou o secretario provincial do partido, Álvaro Vila, a través dun vídeo, no que destacou o orgullo de axudar a “conquerir dereitos e liberdades” dende o Partido Socialista e poder axudar ao avance da sociedade.
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, destacou que a agrupación municipal de Ourense continúa a ser “un referente” do compromiso coa propia terra e sinalou que a memoria de Manuel Suárez e Secundino Couto deben ser “a forza para seguir construíndo” dun modo máis “xusto, igualitario e solidario”.
“Os 129 anos de historia socialista en Ourense son froito do compromiso e da loita de quen nos precedeu. Hoxe rendemos homenaxe a Secundino Couto e Manuel Suárez, dous referentes de dignidade de servizo público e sobre todo de coherencia. Con eles lembramos tamén a centos de compañeiros e compañeiras que fixeron desta agrupación a alma viva do Socialismo”, rematou subliñando o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.











