Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Esiximos transparencia total sobre os danos dos lumes na estación de Manzaneda

O PSDEG-PSOE ESIXE DA DEPUTACIÓN TRANSPARENCIA TOTAL SOBRE OS DANOS DOS LUMES NA ESTACIÓN DE MANZANEDA

A deputada Sherezade Núñez denuncia que a corporación provincial carece de información clara sobre os efectos dos incendios no complexo turístico de Manzaneda

A representante socialista e tenente de alcalde de Vilamartín de Valdeorras critica a histórica opacidade de MEISA e a ausencia dun plan estratéxico para afrontar os danos

Núñez esixe que se active á maior brevidade posible a comisión de traballo de MEISA aprobada a instancias do PSdeG-PSOE en 2024 para abordar os novos desafíos creados polos lumes

Ourense, 17 de setembro do 2025. A deputada do Grupo Provincial Socialista Sherezade Núñez denuncia a falta de información «clara e detallada» sobre os danos provocados polos incendios forestais na Estación de Montaña de Manzaneda. A representante socialista na corporación provincial e tenente de alcalde do Concello de Vilamartín de Valdeorras considera imprescindible que a Deputación, na súa calidade de accionista ponderado de MEISA, dispoña dunha avaliación precisa dos efectos da vaga de lumes no complexo turístico máis importante do oriente ourensán.

A representante socialista pon o acento na histórica falta de transparencia que caracteriza a xestión de MEISA, sinalando que «non é un segredo que esta empresa pública ten acumulado nas últimas décadas un historial de opacidade que o Grupo Provincial Socialista ven denunciando sistematicamente». Núñez lembra que incluso o Consello de Contas de Galicia ten criticado de forma recorrente esta situación, subliñando que a Xunta «non está a realizar actuacións de supervisión nin control nin integra os estados financeiros de MEISA nos seus orzamentos».

Preocupación pola viabilidade económica tralos lumes

A deputada socialista manifesta especial preocupación pola viabilidade económica da Estación nun contexto no que os efectos do cambio climático xa están reducindo os días de neve natural e agora se suman os posibles danos provocados polos incendios. «A situación económica da Estación xa era delicada antes dos lumes, até o punto que Xunta e Deputación multiplicaron achegas millonarias para o seu rescate financeiro. Agora, cos danos dos incendios, os contribuíntes ourensáns e galegos teñen dereito a coñecer se van ter que asumir custos adicionais», afirma Núñez.

No documento rexistrado para o pleno da corporación provincial do vindeiro 26 de setembro, Núñez formula unha serie de cuestións concretas dirixidas ao presidente da Deputación, Luis Menor, que abarcan desde a demanda dun informe pormenorizado sobre o impacto dos lumes ata a esixencia dun plan específico para abordar os efectos dos incendios na Estación. A deputada socialista pregunta tamén polo custo económico estimado que suporá a reparación dos danos e que porcentaxe dese custo correspondería asumir á Deputación de Ourense.

A representante socialista por Valdeorras demanda ademais que se active a curto prazo a comisión de traballo para a elaboración dun plan estratéxico da Estación que o Grupo Provincial Socialista impulsou en marzo de 2024 e que foi aprobada pero «non ten rexistrado avances significativos ata o momento». Para Núñez, «os veciños e veciñas da provincia, especialmente os das comarcas máis afectadas polos lumes, temos dereito a coñecer a verdade sobre o estado da Estación e sobre os plans de futuro dunha infraestrutura na que se investiron millóns de euros públicos ao longo de décadas».