Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Demandamos a Menor que aclare se mantén que en Gaza hai xenocidio

O PSdeG-PSOE DEMANDA AO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN SE MANTÉN QUE EN GAZA HAI “XENOCIDIO” COMO APROBOU POR UNANIMIDADE O PLENO DA CORPORACIÓN PROVINCIAL

Marina Vaz esixe que Luís Menor clarifique se o PP ourensán variou a súa posición con respecto ao voto unánime da moción que cualificaba a deriva en Gaza como «auténtico intento de limpeza étnica»

A deputada socialista pon o acento na contradición co PP estatal, que nega a competencia da ONU para determinar xenocidio mentres o provincial o apoiou unanimemente

Os socialistas recalcan que a ONU ven de confirmar oficialmente o xenocidio tras case duplicarse as vítimas desde a aprobación da moción na Deputación en xuño do 2024, pasando a máis de 65.000

Ourense, 18 de setembro do 2025. A deputada do Grupo Provincial Socialista Marina Vaz ven de esixir explicacións ao presidente da Deputación, Luís Menor, ao respecto de se mantén a posición adoptada unanimemente pola corporación provincial respecto da situación en Gaza. A representante socialista demanda aclaracións sobre se o presidente segue a valorar os feitos como «xenocidio» e «auténtico intento de limpeza étnica», tal e como se aprobou no pleno de xuño do 2024 por todos os grupos con representación na corporación, incluído tamén o Partido Popular..

A deputada socialista lembra que naquela histórica votación de xuño, “sen unha soa abstención nin voto en contra”, todos os grupos políticos da Deputación subscribiron unha declaración na que se denunciaba que «estamos a asistir á metódica exterminación dos palestinos» e que «os palestinos son deshumanizados por parte de Israel que está a protagonizar un auténtico intento de limpeza étnica, de xenocidio, protagonizando unha particular Shoah contra o pobo palestino». Vaz subliña que esta posición, adoptada cando se contabilizaban 36.586 mortos, cobra maior relevancia agora que as vítimas civís superan xa os 65.000, case duplicando o balance que motivou a pronunciación unánime da corporación provincial.

Contradición flagrante co PP estatal

A representante socialista denuncia a contradición evidente entre a posición subscrita polo PP ourensán e as declaracións dos dirixentes do seu partido a nivel nacional, que cuestionan a competencia da ONU para determinar a existencia de xenocidio. Vaz evoca que a portavoz parlamentaria do PP no Congreso dos Deputados, Ester Muñoz, declarou que as Nacións Unidas non teñen «competencias» para definir o que é un xenocidio, posición que contradí de xeito frontal o apoio que o PP provincial prestou á moción que cualificaba os feitos precisamente como «xenocidio». A contradición faise aínda máis patente, segundo Vaz, cando dirixentes como Alberto Núñez Feijóo chegan a acusar ao Goberno de España de ser responsable das mortes en Gaza por recoñecer a existencia de xenocidio.

«Os cidadáns ourensáns teñen dereito a saber cal é a posición real da formación que goberna esta institución», afirmou a deputada socialista, quen demanda que se clarifique «se o PP provincial mantén a coherencia coas posicións aprobadas por unanimidade ou se subordina as súas conviccións humanitarias ás directrices que poidan chegar desde Madrid». Para Vaz, «a defensa da dignidade humana e a condena dos crimes contra a humanidade constitúen principios irrenunciables que non admiten oportunismos políticos».

O informe da ONU ratifica a posición da Deputación

A deputada socialista destaca que a Comisión Internacional Independente de Investigación das Nacións Unidas publicou un informe de 72 páxinas no que conclúe categoricamente que «Israel ten cometido xenocidio contra os palestinos en Gaza desde o 7 de outubro de 2023». Este documento, elaborado por expertos independentes nomeados polo Consello de Dereitos Humanos da ONU, aprecia catro dos cinco criterios legais que definen o xenocidio segundo a Convención Internacional de 1948. «O informe da ONU ratifica a valoración que esta Deputación xa realizou de forma unánime», subliña Vaz, quen considera que «a coincidencia entre a nosa avaliación política e a conclusión xurídica dos expertos internacionais confirma o acertado da posición adoptada por unanimidade».

Neste senso, a representante socialista tamén esixe ao presidente da Deputación de Ourense que clarifique se recoñece a competencia das Nacións Unidas para determinar a existencia de crimes contra a humanidade segundo a Convención Internacional de 1948, e demanda que se comprometa a manter a coherencia coa posición aprobada unanimemente. Vaz considera imprescindible esta clarificación «cando máis de 65.000 civís, incluíndo miles de nenos e mulleres, perderon a vida nun conflito que esta corporación cualificou no seu momento como xenocidio e intento de limpeza étnica».