O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA INTERPELA Á DEPUTACIÓN SOBRE A INACCIÓN DO INORDE FRONTE Á CRISE DOS LUMES
Os socialistas critican que o organismo continúe con «actividades habituais», de perfil moi baixo, namentres a provincia se recupera da catástrofe
Susana Rodríguez denuncia que o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico manteña unha estrutura «obsoleta» cun custo de 2,8 millóns malia estar aprobada a súa disolución en pleno
O PSdeG-PSOE reclama o cumprimento inmediato do acordo plenario de outubro de 2024 que resolvía a integración do ente no seo da Deputación para evitar duplicidades e avanzar na eficacia
Ourense, 19 de setembro do 2025. O Grupo Provincial Socialista interpela á Deputación de Ourense sobre a actuación do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) despois dos devastadores incendios forestais que asolaron a provincia durante o verán. A deputada socialista Susana Rodríguez ven de rexistrar unha pregunta para resposta oral no vindeiro pleno do 26 de setembro na que denuncia a «preocupante desconexión coa realidade crítica da provincia» dun organismo que consume máis de 2,8 millóns de euros anuais e que “mantén un perfil baixo de actividades, coma se nada tivese ocorrido”.
«Mentres os nosos concellos loitan por recuperarse dos fondos impactos dos lumes, o INORDE desenvolve iniciativas como a posta en marcha dunha mesa local do comercio, a organización de marchas cicloturistas e a declaración da Ribeira Sacra como capital do pincho e da tapa», declarou a deputada socialista. Rodríguez considera que estas actuacións «poden resultar pertinentes en circunstancias normais pero evidencian unha preocupante desconexión coa realidade» da provincia. A deputada socialista subliña que o ente, que depende nun 70% das achegas da Deputación, debería “mobilizar todos os seus recursos e capacidades para contribuír á recuperación económica das zonas afectadas».
A interpelación socialista pon especial énfase na falta de transparencia do INORDE, un organismo cuxa última memoria de actividades publicada data de 2022. «Esta situación denota unha clara falta de transparencia na rendición de contas sobre o uso dos recursos públicos destinados ao organismo», critica Rodríguez. Os socialistas consideran inadmisible que unha estrutura que manexa un elevado monto de cartos públicos non publique informes actualizados sobre a súa xestión, e máis se cabe nunha situación de emerxencia como a vivida na provincia tras os lumes. A deputada reclama coñecer o destino concreto destes fondos e a eficacia real das actuacións do Instituto no contexto da recuperación post-incendio.
Un organismo á marxe da realidade e ineficaz
Desde o Grupo Provincial Socialista lembran que xa en outubro de 2024 presentou unha moción, que foi aprobada polo pleno da corporación, na que se instaba á disolución do INORDE como ente autónomo e á integración da súa misión e persoal no seo da propia Deputación. Esta proposta fundamentábase na constatación de que o organismo «non representa máis que unha extensión da corporación provincial, un servizo redobrado que se solapa coa acción doutros departamentos sen achegar valor engadido real ao desenvolvemento económico provincial». A moción aprobada sinalaba que o INORDE non optimiza recursos, non mellora a coordinación estratéxica, non incrementa a transparencia na xestión e non consegue resultados significativos como entidade chamada a ser protagonista no desenvolvemento provincial.
Malia a aprobación desta iniciativa polo pleno da Deputación, o INORDE continúa funcionando «como se tal cousa, sen que se teñan adoptado medidas para dar cumprimento ao acordado polo pleno da corporación». Rodríguez considera que a situación creada polos incendios do verán «pon de manifesto de xeito aínda máis claro a ineficacia e inadecuación dunha estrutura organizativa obsoleta que consume importantes recursos públicos sen xerar os resultados esperados pola cidadanía ourensá». A deputada socialista subliña que nun momento no que a provincia necesita «unha resposta institucional coordinada, áxil e eficaz para afrontar os retos da recuperación económica, o mantemento de estruturas paralelas e redundantes representa un luxo que non nos podemos permitir».

