Deputación de Ourense INICIATIVAS

Esiximos un control rigoroso das augas afectadas pola contaminación das Conchas

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA NA DEPUTACIÓN DE OURENSE ESIXE CONTROIS RIGOROSOS DAS AUGAS AFECTADAS POLA CONTAMINACIÓN NO ENCORO DAS CONCHAS

A iniciativa demanda o cumprimento estrito das obrigas contractuais que ten a corporación provincial cos concellos de Bande, Lobeira, Lobios e Entrimo para a xestión das augas

O encoro presenta unha concentración de cianotoxina que triplica o admitido pola Organización Mundial da Saúde para augas de baño, de aí a urxencia de intensificar os controis, segundo os socialistas

A proposta inclúe medidas específicas que van desde realización de analíticas independentes até a creación dun sistema unificado de información para saber en tempo real ao estado das augas

Ourense, 22 de setembro do 2025. O Grupo Provincial Socialista defenderá no pleno do vindeiro venres da Deputación de Ourense unha iniciativa para garantir o control rigoroso da calidade das augas de abastecemento nos concellos afectados pola contaminación do encoro das Conchas. A moción esixe o cumprimento estrito das competencias e obrigas contractuais da corporación provincial nos concellos de Bande, Lobeira, Lobios e Entrimo, ademais de medidas preventivas urxentes para protexer a saúde pública da veciñanza da comarca da Baixa Limia.

A contaminación no encoro das Conchas representa unha crise medioambiental e sanitaria de elevado impacto que se arrastra desde 2011, cando se produciu a primeira explosión masiva de cianobacterias. Segundo informes científicos, a presa rexistra unha concentración de cianotoxina que triplica o valor admitido pola Organización Mundial da Saúde para augas de baño. Esta situación acadou niveis extremos que conduciron ás autoridades a activar o nivel máximo de risco, prohibindo o baño e calquera actividade recreativa nas praias fluviais da zona.

«Esta situación vai prolongándose no tempo e o problema das cianobacterias afecta especialmente a rapaces, mulleres embarazadas e persoas maiores. Non podemos permitir que se siga prolongando no tempo sen buscar solucións efectivas», declarou Emilio Díaz Vidal, deputado socialista. «Pedimos que se intensifiquen as revisións, inspeccións e controis sanitarios porque xa non é un problema de baño, senón de consumo de auga e de saúde pública. Non só afecta aos concellos que están alí, senón que as filtracións polo subsolo afectan a mananciais e diversas zonas, polo que necesitamos solucións inmediatas», subliñou o edil socialista.

Competencias provinciais directas na xestión da augas

A Deputación de Ourense ten competencias específicas e responsabilidades directas no control da calidade das augas de abastecemento en catro dos cinco concellos afectados pola contaminación do encoro das Conchas. Os concellos de Bande, Lobeira, Lobios e Entrimo están incluídos no «Íntegro PCA» (Programa Completo de Asistencia), polo que a corporación provincial ten obrigas contractuais específicas claramente definidas. Deste xeito, a moción inclúe propostas de acordo que van desde o cumprimento estrito das competencias provinciais até a creación dunha liña específica de axudas para garantir analíticas periódicas independentes e modernizar as infraestruturas de captación e tratamento de augas.

Tamén se solicita á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, a intensificación da vixilancia sanitaria das augas de consumo nos concellos afectados, establecendo controis especiais que teñan en conta a proximidade ao encoro das Conchas e os riscos específicos derivados da súa contaminación crónica, prestando especial atención aos efectos sobre os grupos de poboación máis vulnerables. Ademais, contempla a garantía de transparencia absoluta na información sobre a calidade das augas, establecendo a publicación periódica e accesible de todas as analíticas realizadas, creando un sistema de información unificado que permita á veciñanza acceder en tempo real ao estado das augas.

«Necesitamos solucións inmediatas porque esta situación constitúe unha ameaza permanente para os dereitos fundamentais da veciñanza da comarca da Baixa Limia», concluíu Díaz Vidal. O deputado socialista recordou que xa existe unha demanda presentada ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por violación de dereitos humanos na que foron incluídos entre os demandados varios concellos da zona por «permitir durante décadas» a contaminación que afecta á comarca. Este caso marca un precedente en Europa, xa que por primeira vez un tribunal avaliará o impacto da gandería industrial nos recursos hídricos desde unha perspectiva de dereitos fundamentais.