Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Instamos á Deputación a esclarecer a paralización do museo de antropoloxía de Castro Caldelas

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA PIDE QUE A DEPUTACIÓN ESCLAREZA OS MOTIVOS DA PARALIZACIÓN DO MUSEO DE ANTROPOLOXÍA DE CASTRO CALDELAS

O PSdeG-PSOE levará ao vindeiro pleno varias preguntas sobre o estado actual do proxecto e as medidas para resolver a situación de máis de sete anos de demora trala cesión da colección en 2017

O propio doante, Olegario Sotelo Blanco, cualifica de «secuestro» por parte da Deputación a situación das 236 pezas etnográficas almacenadas no cemiterio de Castro Caldelas

A iniciativa socialista reclama transparencia sobre os recursos investidos e unha solución inmediata para abrir ao público esta infraestrutura cultural importante para a comarca de Trives-Caldelas

Ourense, 23 de setembro do 2025. O Grupo Provincial Socialista preguntará ao grupo de goberno da Deputación de Ourense no pleno do vindeiro venres sobre a situación do Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas e o estado de cousas da colección etnográfica de Olegario Sotelo Blanco. A demanda, conducida polo deputado Diego Fernández Nogueira, busca esclarecer en que punto se atopa un proxecto cultural paralizado durante máis de sete anos e obter explicacións sobre as razóns desta “demora inadmisible que compromete seriamente a preservación dun valioso patrimonio etnográfico da provincia ourensá”.

O deputado socialista inquirirá ao goberno provincial sobre o estado actual do proxecto e que actuacións concretas se están desenvolvendo para a súa posta en funcionamento. Tamén esixirá explicacións sobre as razóns exactas da demora de máis de sete anos na apertura desta infraestrutura chamada a ser referente cultural e demandará que medidas adoptará o goberno para resolver definitivamente a situación e garantir a apertura a curto prazo da colección etnográfica. As pezas atópanse actualmente almacenadas no cemiterio de Castro Caldelas, evidenciando unha preocupante falta de respecto cara ao patrimonio cultural e unha xestión descoidada dos recursos públicos investidos no edificio.

Preguntas para esclarecer a situación

En 2017, o editor e investigador Olegario Sotelo Blanco realizou unha “cesión extraordinaria” á administración provincial dunha densa colección etnográfica composta por 236 pezas dun elevado valor patrimonial. Esta escolma, froito de décadas de traballo de investigación e recompilación, foi doada coa esperanza e a promesa de que a Deputación preparase un edificio acaído para a súa exhibición pública e contribuíse ao enriquecemento cultural da comarca Trives-Caldelas. Porén, transcorridos máis de sete anos desde a cesión, o museo permanece pechado ao público nunha situación que o propio doante cualifica de «secuestro» por parte da Deputación.

“A situación resulta nomeadamente grave cando se constata que a falta de transparencia e información pública sobre este asunto impide coñecer o verdadeiro alcance dos recursos empregados e os motivos polos que o proxecto se mantén paralizado”, considera Fernández Nogueira. Segundo este, “a preservación e posta en valor do patrimonio cultural e etnográfico constitúe unha das competencias fundamentais da Deputación de Ourense, que debe velar pola conservación das manifestacións culturais que conforman a identidade dos nosos pobos”. A conclusión é clara para o edil socialista, evidenciando esta parálise “deficiencias na xestión cultural da institución provincial que comprometen seriamente a preservación dun valioso patrimonio etnográfico e cuestionan o compromiso real da Deputación coa cultura galega”.