concellos Denuncias

O PSOE de Leiro pide a dimisión do alcalde por incumprir a lei urbanística e mentir

O PSDEG-PSOE DE LEIRO ESIXE A DIMISIÓN INMEDIATA DO ALCALDE POR MENTIR “DESCARADAMENTE” E INCUMPRIR DE XEITO “FLAGRANTE” A LEI URBANÍSTICA

As e os socialistas consideran de “extrema gravidade” que o rexedor recoñecese publicamente en sesión plenaria que o mural pintado no centro cívico do municipio se fixo sen licenza urbanística, nin comunicación previa

“Un alcalde que minte, que abusa da súa autoridade e que incumpre a legalidade non pode seguir representando a Leiro”, afirman as e os socialistas, que tamén apuntan que “non valen escusas, nin se pode alegar descoñecemento, xa que a ignorancia sobre as leis, non exime de responsabilidade”

Manuel Rodríguez e Pedro José González, consideran que a situación “é aínda máis grave, tralas declaracións do alcalde en sesión plenaria, onde a viva voz recoñeceu que o mural se fixera sen licenza urbanística, nin comunicación previa”

Leiro, 23 de setembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Leiro esixe a dimisión inmediata do alcalde, Francisco José Fernández, tras mentir de forma “descarada” e incumprir de xeito “flagrante” a lei urbanística. As e os socialistas consideran de “extrema gravidade” que o rexedor recoñecese publicamente en sesión plenaria que o mural pintado no centro cívico do municipio se fixo sen licenza urbanística, nin comunicación previa.

No último pleno municipal, o grupo municipal socialista desenmascarou ao rexedor de Leiro, tras coñecer e demostrarse publicamente que mentira, en relación ao mural pintado no centro cívico do municipio. As e os socialistas consideran que Francisco José Fernández “non pode continuar nin un minuto máis ao fronte da alcaldía do concello”. “Un alcalde que minte, que abusa da súa autoridade e que incumpre a legalidade non pode seguir representando a Leiro”, afirman as e os socialistas, que tamén apuntan que “non valen escusas, nin se pode alegar descoñecemento, xa que a ignorancia sobre as leis, non exime de responsabilidade”.

Os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez e Pedro José González, consideran que a situación “é aínda máis grave, tralas declaracións do alcalde en sesión plenaria, onde a viva voz recoñeceu que o mural se fixera sen licenza urbanística, nin comunicación previa”. Neste senso apuntan a que o rexedor se xustificou co argumento de que “para unha obra que fai o concello na súa propiedade, vostede entende que non temos que darnos licenza a nós mesmos”. Os edís socialistas consideran que esta afirmación “é totalmente falsa”, xa que tal e como expoñen “a Lei do Solo de Galicia obriga a que toda intervención, pública ou privada, conte con licenza ou comunicación previa”.

“A veciñanza de Leiro merece un goberno transparente, que respecte a lei e ás persoas”, sinalan Rodríguez e González que tamén apuntan a que “ante esta situación, esiximos a dimisión inmediata do actual alcalde, Francisco José Fernández”. Dende o PSdeG-PSOE de Leiro reafirman que o seu obxectivo “é defender a legalidade e o respecto institucional, porque Leiro non pode permitirse un alcalde que minta e incumpra as normas que esixe ao resto da veciñanza”.

Criticas a actitude ditatorial do rexedor

Dende o grupo municipal socialista en Leiro tamén se amosan moi críticos coa actitude do alcalde nos plenos municipais, xa que tal e como apuntan “amosa constantemente unha actitude ditatorial e impropia dunha entidade democrática. Tal e como apuntan, o alcalde chegou a pedir no último pleno a dimisión do voceiro socialista, Manuel Rodríguez, acusándoo falsamente de presentar unha denuncia ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cando o único que fixo foi solicitar información, algo que pode facer calquera veciño ou calquera veciña.

Esta circunstancia, súmase a outras acontecidas noutros plenos, mesmamente no anterior, cando o alcalde expulsou do salón de plenos ao voceiro socialista “de moi malas formas”, e todo por defender a verdade. As e os socialistas destacan que “temos probas claras que confirman tanto a expulsión do noso voceiro, como as declaracións do alcalde en relación ao mural do centro cívico”.