O PLENO DA DEPUTACIÓN APROBA POR UNANIMIDADE A MOCIÓN SOCIALISTA PARA GARANTIR CONTROIS RIGOROSOS SOBRE AS AUGAS DAS CONCHAS
A moción establece a intensificación de mostraxes en puntos de captación e distribución, analíticas de verificación, detección de contaminantes e alertas sobre incidencias na auga de consumo
Ourense, 26 de setembro do 2025. O Pleno da Deputación de Ourense celebrado na xornada de hoxe aprobou por unanimidade a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para garantir o control rigoroso da calidade das augas de abastecemento nos concellos afectados pola contaminación do encoro das Conchas. A iniciativa, defendida pola deputada Marina Vaz, que incorporou as achegas do BNG durante a sesión, esixe o cumprimento estrito das competencias e obrigas contractuais da corporación nos concellos de Bande, Lobeira, Lobios e Entrimo, todos eles incluídos no programa completo de asistencia da Deputación.
Malia que inicialmente o grupo de goberno do Partido Popular amosou reticencias á aprobación da moción presentada pola bancada socialista, ao final produciuse un voto unánime de todos os grupos políticos con representación na corporación provincial. A moción aprobada adquire especial relevancia trala sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que recoñece a gravidade da contaminación do encoro das Conchas e esixe medidas urxentes ás administracións competentes, obrigando á Deputación a activar todos os mecanismos ao seu alcance para garantir a saúde pública da veciñanza afectada.
A contaminación crónica das Conchas constitúe unha crise medioambiental e sanitaria que afecta directamente aos concellos da Baixa Limia. A Deputación ten competencias específicas no control da calidade das augas en catro dos cinco concellos afectados. «Non podemos seguir mirando para outro lado mentres a veciñanza sofre as consecuencias dunha contaminación que triplica os límites da OMS», afirmou Marina Vaz durante a defensa da moción. «A Deputación ten obrigas contractuais claras e debe cumprilas con rigor nesta situación de emerxencia sanitaria», engadiu a deputada do PSdeG-PSOE.
Á luz da situación de alerta na zona, a moción establece a necesidade de intensificar os controis analíticos regulamentarios, garantindo a realización das analíticas completas de microcistinas, trihalometanos, praguicidas e resto de parámetros a miúdo por riba dos mínimos establecidos pola normativa. Considérase a adopción de sistemas de mostraxe rotatorios en todos os puntos de captación e distribución, analíticas independentes de verificación e un sistema de alertas que informe á poboación de calquera incidencia. «Esiximos transparencia absoluta e que a veciñanza teña acceso en tempo real ao estado da calidade das augas nos seus concellos», subliñou Vaz.

