Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Sometemos ao PP a unha batería de preguntas incómodas

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOMETE AO PP A UNHA BATERIA DE “PREGUNTAS INCÓMODAS” SOBRE CUESTIÓNS DE ACTUALIDADE QUE EVIDENCIAN AS CARENCIAS NA XESTIÓN DO PP

Os socialistas inquiriron sobre o estado de Manzaneda e a actuación do INORDE tralos lumes, a situación do Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas e a restauración de Noiro en Barbadás

O presidente Menor retráctase da posición unánime que a corporación adoptou en xuño do 2024 cando o pleno cualificou os ataques israelís en Gaza de «xenocidio» e » intento de limpeza étnica»

Ourense, 26 de setembro do 2025.  Na súa labor de control e fiscalización do grupo de goberno, os socialistas despregaron unha batería de preguntas sobre cuestións de actualidade provincial que evidencian as carencias na xestión do PP. As respostas ofrecidas polo executivo popular resultaron, segundo os socialistas, “insuficientes e evasivas, reflectindo unha preocupante falta de transparencia en asuntos fundamentais para Ourense”.

A cuestión máis controvertida centrouse na posición da Deputación sobre a situación en Gaza. O Grupo Socialista esixiu ao presidente Luís Menor que clarifique se mantén a valoración expresada na moción aprobada por unanimidade en xuño do 2024, que cualificaba os feitos como «xenocidio» e «auténtico intento de limpeza étnica». A pregunta adquire relevancia despois das contradicións do PP estatal, que nega a competencia da ONU para determinar xenocidio. “A incoherencia reflicte a subordinación do PP ourensán ás directrices do seu partido a nivel estatal.

Outra das preguntas demandou información sobre o estado da Estación de Montaña de Manzaneda tralos devastadores incendios forestais deste verán. Os socialistas esixiron datos concretos sobre os danos causados nas instalacións, o custo económico da súa reparación e o impacto na viabilidade dun complexo xa de seu moi cuestionado. O grupo de goberno non ofreceu cifras nin prazos, limitándose a respostas xenéricas que non aclaran a situación real dunha infraestrutura que consume importantes recursos públicos.

A actuación do INORDE tralos incendios forestais foi outro dos temas cuestionados. Os socialistas buscaban coñecer que medidas concretas adoptou o organismo provincial para apoiar aos sectores económicos máis afectados polas lumes, como o turismo rural, a agricultura e a gandería. O grupo de goberno non especificou actuacións concretas, mantendo unha resposta difusa sobre o papel do instituto nunha situación que require unha resposta coordinada e eficaz.

A situación do Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas e a colección etnográfica de Olegario Sotelo Blanco tamén foi obxecto de interrogación. Os socialistas recordaron que a valiosa colección permanece pechada ao público desde 2017, incumprindo os compromisos adquiridos pola corporación provincial. A resposta eludiu responsabilidades sobre un proxecto cultural estratéxico para a comarca de Caldelas-Trives que evidencia unha xestión cultural deficiente.

Finalmente, os socialistas interrogaron sobre a situación do proxecto construtivo de restauración de Noiro na travesía de Piñor, no Concello de Barbadás. A pregunta demandou claridade sobre os prazos de inicio das actuacións nunha obra que leva acumulando demoras sen xustificación aparente. A resposta do PP evitou compromisos temporais concretos, mantendo a indefinición sobre esta infraestrutura necesaria para a comarca.