Concello de Ourense INICIATIVAS ourense

Reclamaremos que o Goberno de Jácome atenda as demandas da veciñanza de Verea Vella no pleno de outubro

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE RECLAMARÁN QUE O GOBERNO DE JÁCOME ATENDA AS DEMANDAS DA VECIÑANZA DE VEREA VELLA A TRAVÉS DUNHA MOCIÓN NO VINDEIRO PLENO

O grupo municipal socialista leva dende o mes de agosto poñendo de manifesto as demandas e necesidades básicas da veciñanza da rúa Verea Vella para que sexan atendidas de xeito urxente

Tamén se insta ao executivo local crear un novo espazo verde e de esparcemento para a veciñanza da Rúa Verea Vella, no caso de que desapareza o pequeno xardín existente debido ás obras de canalización

Ourense, 29 de setembro de 2025. O grupo municipal socialista leva dende o mes de agosto poñendo de manifesto as demandas e necesidades básicas da veciñanza da rúa Verea Vella para que sexan atendidas de xeito urxente polo goberno local. Entre outras cousas, as e os edís do PSdeG reclamaban que se facilitase toda a información relativa ás obras que se realizarán próximamente para a instalación do saneamento do Parque Coto de Canedo e que afectarán a toda a contorna.

Logo de comprobar que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome continúa sen dar explicacións sobre un proxecto que afectará ao acceso das súas vivendas, ao saneamento dos edificios e ás zonas verdes dos bloques da zona, as e os socialistas presentarán no pleno ordinario do mes de outubro unha iniciativa ao respecto.

No texto rexistrado, ademais, recóllese que este barrio segue a padecer deficienciastan graves como instalacións de abastecemento e saneamento obsoletas, con tubaxes de fibrocemento de máis de cincuenta anos, ou unha ausencia absoluta de accesibilidade universal, sen rebaixes nin prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, nunha zona onde a maioría dos veciños teñen máis de 65 anos.

Tamén piden que dende o goberno local se poña ode no aparcamento ilegal, sen planificación nin regulación por parte do Concello, e nas carencias na seguridade viaria, coa existencia dun muro colindante en risco de afundimento e cunha parcela chea de maleza que supón un perigo evidente para o tránsito; así como nos problemas de insalubridade denunciados pola veciñanza, entre os que se atopa a existencia dunha gran balsa de auga estancada nun solar próximo que provoca a proliferación de insectos e molestias constantes á veciñanza.

Así as cousas, as e os socialistas defenderán unha moción, coa que agardan obter o respaldo do resto dos grupos da oposición, na que se insta ao executivo municipal a solventar todas as deficiencias detectadas e a crear un novo espazo verde e de esparcemento para a veciñanza da Rúa Verea Vella, no caso de que desapareza o pequeno xardín existente debido ás obras de canalización.