O PSDEG-PSOE DE OURENSE INICIA NA BAIXA LIMIA A CONSTITUCIÓN DAS COORDINADORAS COMARCAIS PARA REFORZAR O PARTIDO BISBARRA A BISBARRA E CA VISTA POSTA NAS ELECCIÓNS DE 2027
As e os socialistas constituíron a coordinadora comarcal da Baixa Limia, que estará presidida por José Manuel Fernández Cuquejo, concelleiro socialista en Calvos de Randín
Dende o PSOE ourensán salientan a “importancia” destas reunións para “escoitar de primeira man as suxestións e inquedanzas dos diferentes cargos orgánicos e municipais do partido”, xa que tal e como apuntan “é primordial escoitar a nosa xente e traballar cóbado con cóbado”
A Executiva Provincial destaca que estas reunións “serán claves para a constitución das diferentes candidaturas e a elección de candidatos e candidatas de cara aos comicios electorais que se celebrarán en maio de 2027”
Bande, 30 de setembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter unha reunión orgánica en Bande con representantes do partido na bisbarra da Baixa Limia, na que se constituíu a coordinadora comarcal, que estará dirixida por José Manuel Fernández Cuquejo, concelleiro socialista en Calvos de Randín. As e os socialistas inician así unha serie de visitas polas distintas bisbarras da provincia para constituír as coordinadoras comarcais, co obxectivo de “reforzar o partido no territorio e comezar a traballar coa vista posta nos comicios electorais do 2027”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e a secretaria de política municipal, Susana Rodríguez Estévez; estiveron presentes na reunión comarcal, en representación da Executiva Provincial. Un encontro no que participaron representantes dos diferentes concellos da provincia como Calvos de Randín, Bande, Lobios, Muíños, Entrimo ou Lobeira.






As e os socialistas salientan a “importancia” destas reunións para “escoitar de primeira man as suxestións e inquedanzas dos diferentes cargos orgánicos e municipais do partido”, xa que tal e como apuntan “é primordial escoitar a nosa xente e traballar cóbado con cóbado con eles sobre o territorio para desenvolver accións que mobilicen as bases do partido, que atraian novos militantes e que xeren espazos de diálogo e debate coa veciñanza e os axentes sociais”.
A Executiva Provincial destaca que estas reunións “serán claves para a constitución das diferentes candidaturas e a elección de candidatos e candidatas de cara aos comicios electorais que se celebrarán en maio de 2027”. Neste senso tamén sinalan que o obxectivo “é formar as candidaturas máis fortes e sólidas posibles, desenvolver un proxecto socialista bisbarra a bisbarra e construír un plan de futuro para a provincia para que no 2027 se consigan os mellores resultados posibles e o maior número de alcaldías”.
En relación a Baixa Limia, o PSdeG-PSOE de Ourense traballará arreo para reforzar unha comarca “clave” na provincia e na que actualmente conta con representación en Bande, Lobios, Muíños e Lobeira, así como cas alcaldías de Entrimo e Calvos de Randín. A meta marcada polo socialismo ourensán “é mellorar os resultados en cada concello, aumentar o número de concelleiros nos diferentes concellos e aumentar o número de alcaldías”. Lembran que o partido xudicial de Bande “elixe a un único deputado provincial, que nestes momentos están en mans do PP, pero que en 2027 será para o PSdeG-PSOE de Ourense”.

