O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN DESMONTA AS “GRAVES” FALSIDADES E MENTIRAS DO TENENTE DE ALCALDE, ELADIO FERNÁNDEZ, SOBRE O SUPOSTO ACCESO SEGURO Á N-541 DENDE O MUNICIPIO
As e os socialistas sinalan que as declaracións realizadas por Fernández nos medios “son rotundamente falsas e carecen de respaldo real” e apuntan a que “responden unicamente a unha nova manobra propagandística do tenente de alcalde, sen base real algunha”
Explican que “non existe orde de estudo por parte do Ministerio, nin comunicación de inicio de expediente, nin notificación formal, nin o concello procedeu ao inicio de expropiación ou adquisición dos terreos necesarios”
Lorena Peleteiro esíxelle ao PP que “retire de xeito inmediato tódalas competencias a Eladio Fernández, como máximo responsable destas declaracións falsas” e considera que unha persoa que “minte deliberadamente, non pode ter responsabilidades de goberno”
Punxín, 1 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Punxín desmonta as “mentiras” e “graves falsidades” do tenente de alcalde, Eladio Fernández, en relación ao suposto acceso seguro á N-541 dende o municipio. As e os socialistas sinalan que as afirmacións do político de CxG e socio de goberno do PP nos medios “son rotundamente falsas, xa que carecen de respaldo real” e apuntan a que estas manifestacións “responden unicamente a unha nova manobra propagandística do tenente de alcalde, sen base real algunha”.
Dende o Grupo Municipal Socialista en Punxín explican que, tras realizar varias consultas, “vimos de comprobar que non existe orde de estudio por parte do Miniterio, nin ningunha orde formal para levar a cabo dito proxecto”. Unha información que desminte por completo ao tenente de alcalde. As e os socialistas apuntan tamén a que “non hai comunicación ningunha de inicio de expediente, nin notificación formal”. Neste senso subliñan que por parte do concello “non se procedeu ao inicio do expediente de expropiación, nin de adquisición dos terreos precisos, nin tampouco se teñen os recursos para levalos a cabo, tal e como apunta o propio alcalde”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, fai fincapé en que as afirmacións do tenente de alcalde “non teñen nin pés nin cabeza, xa que non existe partida orzamentaria por parte do Ministerio para dita obra, nin por suposto se poderá levar a cabo no primeiro semestre do 2026, xa que non conta con ningún sustento documental”. Asemade, a edil socialista acusa a Eladio Fernandez de “proxectar unha realidade que non existe, como leva facendo dende que ostenta o cargo de tenente de alcalde”.
Para o PSOE de Punxín esta situación “é de extrema gravidade” e consideran que “estamos ante un falta de respecto total para a veciñanza”. As e os socialistas reclámanlle ao alcalde e ao seu equipo de goberno que “amosen a documentación oficial que respalda estas afirmacións do tenente de alcalde” e esíxenlles que “empreguen o tempo en traballar para resolver de verdade os problemas de Punxín, en lugar de mentir descaradamente e inventar noticias que nada teñen de reais”.
Peleteiro Vázquez esíxelle ao Partido Popular que “retire de xeito inmediato tódalas competencias a Eladio Fernández, como máximo responsable destas declaracións falsas”. A edil socialista considera que “unha persoa que mente deliberadamente á cidadanía e manipula a información, non pode seguir nin un minuto máis ostentando responsabilidades no goberno municipal”.

