AS E OS SOCIALISTAS CONSEGUEN A APROBACIÓN DAS SÚAS INICIATIVAS PARA INSTAR AO CONCELLO A ATENDER AS DEMANDAS DA VECIÑANZA DE VEREA VELLA E A ACOMETER UNHA INTERVENCIÓN ÓPTIMA NA FONTE DO TINTEIRO
As e os socialistas entenden tamén como prioritario que se volva a levar ao Pleno unha partida orzamentaria para a adquisición de dous novos trens termais ao atoparse en estado deficitario os actuais, e que se restaure o seu servizo diario
“Non entendo cal é o problema de tramitar as cousas axeitadamente, porque o de culpar aos demais de verdade que é fondamente infantil e ten que superalo. É o alcalde, ten vostede capacidade política de xestión e capacidade económica para solventar que este Concello lle deba cartos a toda a cidade”, recriminou a edil María Fernández a Gonzalo Pérez Jácome
Ourense, 3 de outubro de 2025. O grupo municipal socialista vén de recibir o apoio do Pleno para aprobar as súas iniciativas presentadas na sesión ordinaria de outubro nas que se insta ao executivo local a, por unha banda, atender as demandas da veciñanza de Verea Vella e informala sobre as obras que se están a acometer no Parque Coto de Canedo e, por outra, que se realice unha intervención definitiva na Fonte do Tinteiro e se adquiran novos trens turísticos termais, recuperando tamén as súas frecuencias diarias. Ámbalas dúas foron defendidas pola portavoz, Natalia González Benéitez.
No que respecta á Fonte do Tinteiro, as e os edís do PSdeG no Concello de Ourense lembran que hai dous anos, logo da última obra realizada na mesma por parte da Administración municipal, xa denunciaron que presentaba deficiencias e o auga non emanaba como debería. A situación non mudou e, como consecuencia de producirse filtracións de auga do río Miño, a termal perde as súas propiedades ao non saír á súa temperatura e estado puro.
Así as cousas, reclaman na súa moción –aprobada cos votos a favor de PP e BNG– que se acometa, con carácter inmediato, unha intervención definitiva en dita fonte, substituíndo os elementos necesarios e garantindo a súa conservación e funcionamento a longo prazo, poñendo fin á política de parches e reparacións provisionais.
Ademais, as e os socialistas entenden prioritario que se volva a levar ao Pleno unha partida orzamentaria para a adquisición de dous novos trens termais ao atoparse en estado deficitario os actuais, de tal modo que se poda restaurar o seu servizo diario, no canto de limitarse ás fins de semana, mellorando a seguridade e a comodidade de usuarios e usuarias e condutores.
Sobre as demandas da veciñanza de Verea Vella, que levan anos sen ser escoitadas polo executivo de Gonzalo Pérez Jácome, a portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, defendeu unha mellor calidade de vida para os e as ourensás que viven nesta parte da cidade e que se aproveiten as obras que se acometerán para o Parque de Canedo para renovar a tubaxe, que conta con medio século de uso, e a contorna da zona levando a cabo pequenas actuacións.
Así as cousas, tamén solicitan no texto –aprobado tamén cos votos a favor de PP e BNG– que se ordee o aparcamento da zona, delimitando espazos para residentes, regularizando e sinalizando as prazas públicas e prohibindo o estacionamento ilegal en zonas de paso e acceso ao río; e que se repoña de maneira urxente o muro colindante ao bloque de vivendas máis próximo ao paso cara o río, evitando riscos para a seguridade viaria, e a estudar a posibilidade de expropiación das parcelas abandonadas para o seu acondicionamento e integración urbana.
Situación económica do Concello de Ourense
A edil do PSdeG María Fernández Ojea destacou, durante o debate plenario de diferentes modificacións de crédito, que o caos e a improvisación continúa a ser a tónica imperante no eido financieiro por mor dun goberno municipal que non planifica. “Temos sen pagar as festas de San Francisco do ano pasado, as de A Ponte, o Magosto, Halloween, e supoño que xa está contratado o deste ano, e o problema é que realmente non está contratado porque non o fan ben. Eu entendo que non teñen os suficientes traballadores, públicos ou privados, á súa disposición. Pero eu penso, e tamén llo dixen, que o papel de vítima xa non lle pega”, ironizou a socialista.
“É o alcalde de Ourense, ten a tres habilitados nacionais traballando para vostede, ten 16 asesores, 9 edís que as veces defenden cousas indefendibles, ten 100 millóns de euros de Remanente de Tesourería aínda que algúns estean bloqueados… Entón, por favor, non se faga a vítima porque o ten todo á súa disposición para facer as cousas ben. Incluso ten o apoio puntual do PP constantemente. Non entendo cal é o problema de tramitar as cousas axeitadamente, porque o de culpar aos demais de verdade que é fondamente infantil e ten que superalo. É o alcalde, ten vostede capacidade política de xestión e capacidade económica para solventar que este Concello lle deba cartos a toda a cidade”, recriminou a Gonzalo Pérez Jácome ante o seu discurso simplista e reiterado deixando caer sobre a oposición a responsabilidade das súas nefastas políticas.

