O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA O COMPROMISO DO GOBERNO COA PROVINCIA CON MÁIS DE 21,7 MILLÓNS QUE BENEFICIARÁN A 21 CONCELLOS A TRAVÉS DO PLAN EDIL, CIFRA QUE CALIFICAN COMO “RÉCORD ABSOLUTO”
O Ministerio de Facenda publicou hoxe no BOE a resolución da Dirección Xeral de Fondos Europeos, na que se aproba a convocatoria das axudas do Plan EDIL. A provincia, concretamente, verase beneficiada con 21.798.760 millóns de euros, que se destinarán a 21 concellos
“Estamos falando dunha cifra récord, que beneficiarán a 21 municipios da nosa provincia e permitiralles apostar polo desenvolvemento sostible, dedicando estes fondos a iniciativas de tipo medio ambiental, económicas e sociais”, destaca Álvaro Vila
Apunta tamén a que “namentres os gobernos do PSOE apostan por Ourense con investimentos nunca antes vistos, os do PP optan pola discriminación, os recortes e o desmantelamento de servizos en favor da cidadanía da provincia”
Ourense, 3 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o compromiso do Goberno coa provincia, tralo anuncio de que se destinarán máis de 21,7 millóns de euros dentro do Plan EDIL, enmarcado no Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) e destinada a entidades locais da provincia. As e os socialistas destacan que estamos “ante o maior investimento de fondos públicos na provincia, cunha cifra récord e que permitirán promover un desenvolvemento sostible dende unha tripla perspectiva medio ambiental, económica e social”.
O Ministerio de Facenda publicou hoxe no BOE a resolución da Dirección Xeral de Fondos Europeos, na que se aproba a convocatoria das axudas do Plan EDIL. A provincia, concretamente, verase beneficiada con 21.798.760 millóns de euros, dos que 8.730.304 euros destinaranse ao concello de Ourense, e tres agrupacións de concellos recibirán cada unha 4.365.152 euros. Unha delas estará liderada por Barbadás e inclúe aos municipios de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar. Outra está encabezada polo Barco de Valdeorras e aglutina aos municipios da Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, O Bolo, Petín e Rubiá. Tamén obtivo esta contía a asociación composta por Verín, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Laza, Vilardevós, Castrelo do Val, A Mezquita, Riós e A Gudiña.
“Estamos falando dunha cifra récord, que beneficiarán a 21 municipios da nosa provincia e permitiralles apostar polo desenvolvemento sostible, dedicando estes fondos a iniciativas de tipo medio ambiental, económicas e sociais”, destaca o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo. O líder das e dos socialistas ourensáns pon de manifesto que “a pesar do que diga o PP e os seus socios da ultradereita, temos un Goberno progresista que aposta pola cohesión territorial e porque a provincia de Ourense goce dos mesmos dereitos e das mesmas oportunidades ca o resto”.
Asemade, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro do grupo provincial socialista fai fincapé en que “agardemos que a Xunta tome nota destes investimentos realizados polo Goberno e trate de igual forma á provincia nos futuros orzamentos”, xa que tal e como apunta “namentres o PSOE aposta por Ourense con investimentos nunca antes vistos, o PP opta pola discriminación, os recortes e o desmantelamento de servizos en favor da cidadanía da provincia”.
As e os socialistas salientan que estas convocatorias teñen máis de 40 ámbitos de intervención “en torno a dixitalización, a dinamización económica local, a eficiencia enerxética, a prevención do cambio climático, a economía circular, os recursos hídricos, a mobilidade urbana sostible, a inclusión social, ou o patrimonio urbano, cultural e turístico entre outras”.
Estas subvencións, que reciben o nome de Plan EDIL, contan para esta convocatoria cunha dotación dun 30% superior respecto ás convocatorias denominadas EDUSI correspondentes ao anterior período de programación 2014-2020. A asignación desta convocatoria levouse a cabo seguindo criterios de cohesión territorial e concorrencia competitiva. A convocatoria resolveuse baixo criterios como a planificación integrada e a capacidade transformadora dos proxectos, onde tamén se incluíu a gobernanza, a participación, a capacidade administrativa e financeira, así como o grao de madurez e viabilidade dos proxectos, que poderán executarse ata o ano 2029.

