O PSDEG-PSOE DE LAZA AMOSA A SÚA “FONDA” PREOCUPACIÓN POLA APARICIÓN DUNHA ALGA EN VARIOS PUNTOS DO MUNICIPIO AO PASO DO RÍO TÁMEGA E PÍDELLE AO CONCELLO QUE DEA TRASLADO DA SITUACIÓN A CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA DO DOURO
Dende o grupo municipal socialista en Laza explican que “son varios os veciños e as veciñas que nos trasladaron a situación, preocupados pola aparición desta alga no río Támega”
Tal e como indican a alga “é especialmente visible na zona de Matamá ao pé da ponte, pero tamén en varias zonas de baño das nosas áreas fluviais, onde puido observarse a aparición desta alga, da que ata este verán non se tiña constancia da súa presencia nos nosos ríos”
Laza, 7 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Laza vén de presentar un escrito por rexistro dirixido ao concello no que lle piden que se poñan en contacto coa Confederación Hidrográfica do Douro co fin de analizar as causas da aparición dunha alga en varios puntos do municipio ao paso do río Támega. As e os socialistas amosan a súa preocupación ante a situación e piden que se tomen as medidas necesarias ante a posibilidade de que se trate dunha alga invasora.
Dende o grupo municipal socialista en Laza explican que “son varios os veciños e as veciñas que nos trasladaron a situación, preocupados pola aparición desta alga no río Támega”. Tal e como indican a alga “é especialmente visible na zona de Matamá ao pé da ponte, pero tamén en varias zonas de baño das nosas áreas fluviais, onde puido observarse a aparición desta alga, da que ata este verán non se tiña constancia da súa presencia nos ríos que transcorren polo municipio”.






O voceiro do PSdeG-PSOE en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, subliña que “dada a preocupación da veciñanza, decidimos por a situación en coñecemento das autoridades competentes, a saber concello de Laza e Confederación Hidrográfica do Douro”. O edil socialista fai fincapé en que a situación “é preocupante, xa que algo similar aconteceu na zona de Xinzo e como consecuencia prohibiuse o baño nestas zonas afectadas pola aparición deste tipo de algas”.
O PSdeG-PSOE de Laza pide que “se tomen todas as medidas necesarias, se analice a presenza destas algas e se busquen solucións para evitar que sigan proliferando e se convertan nun problema maior”. As e os socialistas tamén se puxeron en contacto cas persoas responsables da vixilancia dos ríos no municipio para darlles traslado e conta da situación e que deste xeito “todos os organismos competentes teñan información sobre o que está acontecendo no Támega ao seu paso por Laza”.
As e os socialistas agardan que o rexedor, José Ramón Barreal, “tome cartas no asunto e se poña en contacto coa Confederación Hidrográfica para darlles traslado da situación e por solucións a esta problemática”.

