O PSDEG-PSOE DE OURENSE ORGANIZA UN ACTO ABERTO Á CIDADANÍA NO TEATRO PRINCIPAL QUE CONTARÁ COA PRESENCIA DO FILÓSOFO E EX PRESIDENTE DO SENADO, MANUEL CRUZ
A conferencia, que terá como título “A eclipse das ilusión no mundo actual” celebrarase este xoves 9 de outubro ás 20:00 horas no Teatro Principal de Ourense e a súa finalidade será compartir reflexións e sensacións cunha persoa que conta cunha gran e excepcional bagaxe
As e os socialistas inician desta forma unha serie de conferencias que terán lugar ao longo das vindeiras semanas por diferentes puntos da provincia e na que contarán coa presenza de diferentes cargos do partido a nivel estatal
Ourense, 7 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense organiza este xoves, 9 de outubro, ás 20:00 horas no Teatro Principal de Ourense un acto público aberto á cidadanía, no que participará o filósofo e ex presidente do Senado, Manuel Cruz. As e os socialistas inician desta forma unha serie de conferencias que terán lugar ao longo das vindeiras semanas por diferentes puntos da provincia e na que contarán coa presenza de diferentes cargos do partido a nivel estatal.
A conferencia, que terá como título “A eclipse das ilusións no mundo actual” terá como finalidade compartir reflexións e sensacións cunha persoa que conta cunha gran e excepcional bagaxe cultural. Manuel Cruz é catedrático de filosofía contemporánea da Universidade de Barcelona, autor de máis de 40 libros, directos de varias coleccións e conta con varios premios como o Anagrama 2005. E ademais colaborador habitual en varios medios de comunicación como El País, La Vanguardia, El Confidencial, a Cadena Ser ou Catalunya Radio. O seu compromiso social impulsouno á vida política, integrándose no PSC, onde foi elixido deputado no Congreso e despois senador, presidindo esta cámara na XIII lexislatura e onde segue sendo senador na actualidade.
Manuel Cruz aproveitará a súa intervención para analizar que “é cada vez máis frecuente que as grandes visións do mundo dominantes ao longo da modernidade se vexan completamente descalificadas co argumento de que todos os intentos por materializar os seus ideais se saldan con inequívocos fracasos”. O filósofo e ex presidente do Senado aproveitará tamén para analizar o acontecido ao longo do século XX, facendo fincapé na esquerda da ilustración, na caída do muro de Berlín e nos fracasos acontecidos ao longo das últimas décadas.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense convidan á cidadanía a participar nesta conferencia, que “servirá para reflexionar e procurar inspiración para comprender, e de ser o caso mudar a realidade que latexa arredor de nós, alén de filtros ideolóxicos e da inacción do silencio”.


