O PSDEG-PSOE DE CARTELLE VOLVE POR O FOCO NA SITUACIÓN DE “TOTAL ABANDONO” QUE VIVEN MÁIS DE 1.200 PROPIETARIOS AFECTADOS POLA FALTA DE TÍTULOS DA PARCELARIA DE CARTELLE
As e os socialistas consideran que a “deixadez” do PP local e autonómico “debe rematar” e esíxelles que “deixen de dar as costas á veciñanza e se poñan a traballar para solucionar unha problemática que arrastran dende comezo dos anos 90”
Volven reiterar a necesidade de que as institucións local e autonómica “se poñan a traballar xa para dar solución a esta grave problemática, que provoca que os propietarios das parcelas non dispoñan de ningunha escritura que certifique a titularidade dos terreos”
Jesús Pereiras afirma que a veciñanza destinou no seu día estas fincas a concentración parcelaria, co obxectivo de “buscar a produtividade destas terras, pero o proxecto quedou completamente abandonado”
Cartelle, 8 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Cartelle volve por o foco na situación de “total abandono” que viven os veciños e veciñas do municipio ante a falla de solucións por parte da Xunta de Galicia aos máis de 1.200 propietarios de parcelas da concentración na parroquia de Cartelle e que a día de hoxe seguen sen os seus títulos de propiedade. As e os socialistas consideran que a “deixadez” do PP local e autonómico “debe rematar” e esíxelles que “deixen de dar as costas á veciñanza e se poñan a traballar para solucionar unha problemática que arrastran dende comezo dos anos 90”.
Dende o Grupo Municipal Socialista de Cartelle volven reiterar a necesidade de que as institucións local e autonómica “se poñan a traballar xa para dar solución a esta grave problemática, que provoca que os propietarios das parcelas non dispoñan de ningunha escritura que certifique a titularidade dos terreos”. Cabe lembrar que tras iniciarse a concentración en 1993, a mesma rematou entre o ano 2006 e 2007, pero ata o día de hoxe “ningún veciño recibiu o título que o autoriza como propietario da parcela”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, afirma que a veciñanza destinou no seu día estas fincas a concentración parcelaria, co obxectivo de “buscar a produtividade destas terras, pero o proxecto quedou completamente abandonado”. O concelleiro socialista acusa á Xunta e a Medio Rural de “desviar o tema, dicindo que os papeis están nunha notaría, sen ofrecer solucións, nin asumir responsabilidades”.
Pereiras Vázquez apunta a que a veciñanza vese obrigada a desprazarse ata estruturas agrarias “en busca dunha certificación cada vez que precisan solucionar algún problema relativo as súas parcelas, ao non dispoñer do título de propiedade”. O voceiro socialista considera “inadmisible” a situación e esixe “solucións urxentes para unha veciñanza farta de promesas incumpridas por parte dos gobernos municipal e autonómico do Partido Popular”.
Os e as socialistas volverán a presentar un escrito en Medio Rural para buscar solucións para os veciños e veciñas desta parcelaria e pedir que “con urxencia” se proceda a elaboración dos títulos de propiedade e que se “poña fin ao abandono e o desleixo que sofren en Cartelle por parte do PP, que opta por abandonar á veciñanza e deixar morrer o rural”. Lembran que levan dende a pasada lexislatura reclamando solucións, pero a día de hoxe nin concello, nin Xunta, “fixeron absolutamente nada ao respecto”.

