Concello de Ourense EDUCACION termalismo

Celebramos que o goberno estea a traballar para que Ourense teña un Parque Infantil de Tráfico, como pedimos hai dous anos

AS E OS SOCIALISTAS CELEBRAN QUE O GOBERNO DE JÁCOME ESTEA A TRABALLAR PARA QUE OURENSE CONTE CUN NOVO PARQUE INFANTIL DE TRÁFICO, TAL E COMO RECLAMARON NO PLENO HAI CASE DOUS ANOS

A educación vial é parte da educación integral das persoas. Alegrámonos de que o goberno municipal atenda a nosa petición que se aprobou pola Corporación hai case dous anos”, sinala a voceira do PSdeG, Natalia González

Ademais, as concelleiras do PSdeG aproveitaron para esixir ao executivo que elabore e poña en marcha unha campaña de comunicación sobre a nova ordenanza de veladores e outra para fomentar o uso da oficina tributaria virtual

Ourense, 14 de outubro de 2025. As e os edís socialistas no Concello de Ourense confirmaron esta mañá, durante as Xuntas de Área, que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome por fin está a traballar para que a cidade conte cun Parque Infantil de Tráfico (PIT), que se emprazará no parque Barbaña, segundo trasladaron dende o executivo local, no 2026.

Ante os datos de sinistros viais e as vítimas mortais que aínda se rexistran cada ano, o grupo do PSdeG considera imprescindible e urxente que se retome a actividade de concienciación que se levaba a cabo neste espazo, outrora situado no recinto de Expourense. Por este motivo, presentou unha moción, na sesión plenaria ordinaria de xaneiro de 2024 para que a Administración se puxese as pilas na materia.

“A educación vial é parte da educación integral das persoas, sendo esta unha base eficaz de actuación cidadá, dirixida ao desenvolvemento de hábitos e actitudes que permiten á mesma dar unha resposta segura nas distintas situacións de tráfico nas que se poden ver inmersos. Alegrámonos de que o goberno municipal atenda a nosa petición que se aprobou pola Corporación hai case dous anos”, sinala a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.

Tamén aproveitaron as edís socialistas para reclamar ao executivo local que deixe de “pasarse o balón” entre a Concellería de Termalismo e a de Urbanismo ao respecto da Fonte do Tinteiro e que se impliquen, sin máis dilacións, para arranxar de maneira definitiva as deficiencias detectadas logo das últimas obras realizadas neste espazo emblemático polo actual goberno municipal.

“En Urbanismo afirman que non teñen constancia de ningún informe de deficiencias por parte de Termalismo e en Termalismo a edil non responde á súa responsabilidade en canto a ausencia de dito informe para que se acometa a remodelación precisa”, expón a portavoz e tamén secretaria xeral do partido na cidade que reclamou, con outra iniciativa o pasado mes, unha solución urxente ante o abandono evidente que padece actualmente.

Noutra orde de cousas, tamén aproveitaron as Xuntas de Área as edís do PSdeG para insistir, de novo, en que o Concello de Ourense urxa á Xunta de Galicia a ampliar as prazas do programa Xantar na Casa que atende a persoas maiores e dependentes. Tamén presentaron a este respecto unha iniciativa ante a Corporación o pasado mes de setembro e que resultou aprobada por maioría no pleno ordinario. “Trátase de persoas que precisan que a Administración estea ao seu carón para continuar mantendo a súa independencia e asegurarse unha alimentación axeitada en base ás súas necesidades”, defendeu a socialista.

Ademais, as concelleiras do PSdeG aproveitaron para esixir ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome que elabore e poña en marcha unha campaña de comunicación e difusión sobre a nova ordenanza de veladores da Administración local, que entrou en vigor a finais de agosto deste ano; así como outra para fomentar e publicitar a posibilidade de empregar, por parte da veciñanza, a oficina tributaria virtual cunha guía de uso para que poida consultar a cidadanía.