O PSOE DE LAZA DENUNCIA QUE O CONCELLO LEVA TODO O VERÁN DESPERDICIANDO AUGA, QUE REMATA NOS SUMIDOIROS DEBIDO AS NUMEROSAS FUGAS EXISTENTES NA REDE DE ABASTECEMENTO
As e os socialistas critican que “namentres media Galicia se atopa nunha situación de alerta pola falta de auga para o consumo humano, en Laza permitímonos o luxo de desperdiciala, debido a nefasta e neglixente xestión do goberno municipal do Partido Popular”
Juan Ramón Álvarez salienta que a situación “ven de lonxe”, xa que tal e como apunta “levamos 4 meses esperando que o señor alcalde se digne a arranxar as fugas de auga”
Para o voceiro socialista “é inadmisible que José Ramón Barreal deixe correr o tempo e non solucione o problema das perdas de auga, cando están supondo un importante malgasto e custo ao concello”
Laza, 14 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Laza denuncia que o concello leva todo o verán desperdiciando auga da rede de abastecemento municipal, que remata nos sumidoiros debido as numerosas fugas. As e os socialistas critican que “namentres media Galicia se atopa nunha situación de alerta pola falta de auga para o consumo humano, en Laza permitímonos o luxo de desperdiciala, debido a nefasta e neglixente xestión do goberno municipal do Partido Popular”.
Dende o grupo municipal socialista explican que as fugas de auga “son constantes” en varios puntos do municipio, pero tal e como indican “afectan especialmente á capitalidade, onde temos varias fugas, concretamente na rúa Barrio e tamén na zona do pavillón de deportes, fronte o albergue”. As e os socialistas esíxenlle ao goberno municipal do Partido Popular “medidas urxentes e que se revise a rede de abastecemento, porque é sorprendente que nunha rede renovada teñamos estes problemas de fugas de auga”.


O voceiro do PSdeG-PSOE en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, salienta que a situación “ven de lonxe”, xa que tal e como apunta “levamos 4 meses esperando que o señor alcalde se digne a arranxar as fugas de auga”. Segundo explica o edil socialista “foron varias as preguntas realizadas en sesión plenaria ao alcalde sobre este tema e cando se pensaba solucionar a avaría, pero coma de costume saíu polos cerros de Úbeda, con escusas de mal pagador e sinalando que era culpa dunhas xuntas que saíran defectuosas”.
Para o voceiro socialista “é inadmisible que José Ramón Barreal deixe correr o tempo e non solucione o problema das perdas de auga, cando están supondo un importante malgasto e custo ao concello”. Asemade tamén critica que “namentres se perden centos de litros de auga o día, o alcalde súbelle os recibos á veciñanza, por un servizo, que a todas luces, é deficiente e sofre importantes avarías”.
“Consideramos que a auga, como elemento imprescindible para a vida, debe contar cunhas garantías mínimas de cantidade e calidade e nunca malgastarse, nin que remate nos sumidoiros debido a nefasta xestión do Partido Popular”, afirman as e os socialistas de Laza. Ante esta situación, dende o PSOE de Laza esíxenlle a Barreal “un uso eficiente da auga, cunha mellora da rede de abastecemento e cunha revisión completa da mesma, para reparar todas as fugas e avarías que se detecten”.

