Concello de Ourense FONDOS PÚBLICOS Política municipal

Exhortamos ao alcalde a deixar de someter á cidadanía aos seus tempos electorais e traballe polos problemas da urbe

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE EXHORTAN AO ALCALDE A DEIXAR DE SOMETER Á CIDADANÍA AOS SEUS TEMPOS ELECTORAIS E RECLAMAN QUE SE POÑA A TRABALLAR POR RESOLVER OS PROBLEMAS DA URBE

“Emprega este Salón de Plenos como escenario do seu calendario electoral porque lle dá exactamente igual que se lle pague ou non a Amencer ou ás asociacións de veciños porque logo pode facer contratos menores para ter a todo o mundo tranquilo. Isto é unha escenificación para non facer nada e poder botarnos a culpa”, advertiu a edil do PSdeG María Fernández

Anticipou que non serán quen de licitar os contratos que recollen as modificacións de crédito antes de que remate este exercicio e que a intención real do alcalde é chegar ás eleccións municipais de 2027 con “todo en obras”

Ourense, 16 de outubro de 2025. A edil do PSdeG no Concello de Ourense María Fernández recordou no debate plenario extraordinario que tivo lugar esta mañá, na que o goberno municipal propuxo dúas modificacións de crédito (5P e 6P), que as e os socialistas xa anticiparon cando se presentaron os orzamentos para 2025 hai 3 meses que o presuposto carecía de planificación e investimentos relevantes que deberían estar contemplados. “O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, xa anunciaba por entón que traería modificacións de crédito con cargo ao Remanente de Tesourería para habilitar os investimentos precisos”, expuxo

Destacou que ambas modificacións de crédito teñen un informe desfavorable porque existe unha necesidade de financiamento de case 30 millóns de euros. “No caso concreto desta modificación de crédito isto non é un debate político. Cando o rexedor trae as cousas a este Salón de Plenos sen consenso, sen tempo e con moitísimo ruído é porque non lle interesa o máis mínimo que se aproben. Por iso as trae así, en bloque, e non negocia, senón que extorsiona e chantaxea e por iso mestura o Benestar Social coa pirotecnia”, destacou sobre o expediente 5P.

Neste senso, sinalou que a primeira modificación das debatidas agrupaba “contratos a amigos, partidas que veñen de exercicios anteriores” co que non se pode afirmar que sexa unha “modificación de crédito para destinar a investimentos”. E reiterou que se as áreas ás que destinar os cartos públicos veñen mesturadas e de xeito caótico é porque o alcalde ten interese en que non saia adiante e despois botar á culpa á oposición. “Emprega este Salón de Plenos como escenario do seu calendario electoral porque lle dá exactamente igual que se lle pague ou non a Amencer ou ás asociacións de veciños porque logo pode facer contratos menores para ter a todo o mundo tranquilo. Isto é unha escenificación para non facer nada e poder botarnos a culpa”, inxeriu na súa quenda de intervención.

E contradixo ao executivo local advertindo que no orzamento aprobado, coa connivencia do PP, xa se recollía unha partida para Artes e Festexos na que se poderían ter recollido os gastos para celebracións que agora reclaman a través das modificacións de crédito. “Isto son débedas pendentes de exercicios anteriores que nós non imos avalar e non temos por que asumir e quero insistir en que Gonzalo Pérez Jácome non ten ningún interese en que este expediente saia adiante porque así nos emprega a nós como escusa para non ter que facer as cousas”, subliñou.

No que respecta ao segundo expediente sometido á debate a edil do PSdeG analizou a situación da que se supón que é a terceira cidade de Galicia. “Ourense está a quedarse atrás por moitísimas razóns e a pesares de moitísimas razóns. A nosa urbe precisa investimentos. O goberno de DO trouxo un orzamento que non os inclúe e nesta cidade xa non inviste ninguén porque non temos nin seguridade xurídica nin estabilidade financiera. O pequeno comercio pecha e as grandes superficies non se queren emprazar aquí; a nosa mocidade marchan desta cidade porque non teñen nin onde vivir nin en que traballar; as persoas maiores non poden dispoñer de determinadas políticas que precisan tampouco…”, enumerou a socialista.

“Hai moitísimos temas como a igualdade, o benestar social, a saúde, a xuventude, a vivenda que resulta que non son competencia do goberno municipal. Neste Salón de Plenos nunca podemos falar de temas realmente importantes e de investimentos relevantes para Ourense porque sempre se mesturan no debate que realmente non lle importan á veciñanza”, explicou Fernández Ojea. “Nesta modificación de crédito estamos a falar duns investimentos moi importantes para unha cidade que ten uns autobuses que xa nin se poden coller porque ninguén sabe a que hora pasa, temos os contedores do lixo rotos e os novos agardando que alguén os pague e estou convencidísima de que os camións do lixo van ter que adaptarse aos novos contedores porque están á marxe do prego de licitación”, afirmou.

A edil rematou subliñando que o actual goberno municipal perdeu o 30% das subvencións que solicitou. “Van vostedes a licitar, adxudicar e tramitar as subvencións con fondos do Estado e europeos en tempo e forma tendo en conta que lle levamos pedido por activa e por pasiva quen se encarga de tramitar estes fondos? Cal é o equipo, porque tería que ser un equipo dada a dificultade da tarefa, de xestionar e xustificar subvencións públicas. E se se perden quen é o responsable? E todos os presentes estamos de acordo cos investimentos que aquí se traen para debater, pero a forma na que vostedes fan as cousas non é axeitada”, analizou sobre o devenir do executivo local nos últimos 7 anos.

E rematou argumentando o respaldo do PSOE a este expediente para a súa aprobación incidindo en que non se trata dunha cuestión de cartos porque o Concello de Ourense ten dabondo; senón dun interese por parte de Gonzalo Pérez Jácome de facer ruído no canto de traballar pola urbe. E anticipou que non serán quen de licitar os contratos antes de que remate este exercicio e que a intención real do alcalde é chegar ás eleccións municipais de 2027 con “todo en obras”. “Reitero que non é un problema de cartos e financiamento, é un problema de vontade política e electoral. Xa veremos nuns meses se ten vostede razón ou a temos nós”, sentenzou.