concellos Denuncias

O PSOE de Cenlle considera insuficientes as explicacións do PP sobre a trama do canon da auga

O PSDEG-PSOE DE CENLLE CONSIDERA “INSUFICIENTES” AS EXPLICACIÓNS DO GOBERNO MUNICIPAL DO PP POLA “TRAMA” DO CANON DA AUGA E ESÍXENLLES QUE LLE ACLAREN Á VECIÑANZA “ONDE FORON A PARAR ESES CARTOS”

As e os socialistas critican que no pleno extraordinario celebrado esta semana “non se aclarou para nada a situación do que se fixo con eses cartos e só se deu conta das diferentes sancións que o concello terá que abonar en multas e recargos a Augas de Galicia”

Denuncian que a “neglixente” xestión dos diferentes alcaldes do PP, empezando por Gabriel Alén e seguindo polos seguintes rexedores provocou que o concello teña agora que asumir o pago destas multas e recargos con cargo ás arcas municipais

María Ángela González pon o foco no aumento da contía que o concello terá que abonar, “fai unha semana falábamos de máis de 170.000 euros, pero tralo pleno extraordinario puidemos comprobar que esta cifra disparouse ata preto dos 300.000”

Cenlle, 16 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Cenlle considera “insuficientes” as explicacións do goberno municipal do Partido Popular pola “trama” do canon da auga e esíxenlles que lle aclaren á veciñanza “onde foron a parar eses cartos”. As e os socialistas critican que no pleno extraordinario celebrado esta semana “non se aclarou para nada a situación do que se fixo con eses cartos e só se deu conta das diferentes sancións que o concello terá que abonar en multas e recargos a Augas de Galicia”.

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que a “neglixente” xestión dos diferentes alcaldes do PP, empezando por Gabriel Alén e seguindo polos seguintes rexedores provocou que o concello teña agora que asumir o pago destas multas e recargos con cargo ás arcas municipais. Asemade lembran que xa en 2019 “preguntámoslle ao entón alcalde, o señor Alén, que estaba acontecendo co canon e respondeu que se estaba pagando, algo que é obvio que non se estaba facendo, vendo as multas as que agora temos que facer fronte”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Cenlle, María Ángela González Pérez, fai fincapé en que “estamos ante un posible caso de malversación de fondos públicos”, xa que tal e como apunta “os cartos do canon da auga figuran como pagados, pero a realidade é que nunca se abonaron”. A edil socialista pon o foco no aumento da contía que o concello terá que abonar “fai unha semana falábamos de máis de 170.000 euros, pero tralo pleno extraordinario puidemos comprobar que esta cifra disparouse ata preto dos 300.000”.

As e os socialistas indican que esta “trama” do canon da auga “está xa xudicializada” e tal e como apuntan “agardamos que a xustiza actúe e investigue o acontecido con estes cartos”. A pesar da vía xudicial, dende o PSOE de Cenlle esíxenlle ao PP “medidas políticas” para que os responsables desta “nefasta” e “neglixente” xestión respondan por uns feitos acontecidos dende o ano 2015. Neste senso tamén se preguntan “que fixeron os tres alcaldes do PP durante estes 10 anos?” e “quen tomou a decisión de non pagar o canon?”.

Críticas ao comunicado oficial do concello

Por outra banda, o PSdeG-PSOE de Cenlle amósase “moi crítico” co comunicado oficial colgado polo concello nas súas redes sociais oficiais. Neste senso subliñan que “estamos ante un comunicado que é máis propio do PP que dunha conta oficial como o concello de Cenlle” e lémbranlle á alcaldesa e o seu equipo que as redes sociais municipais “están ao servizo de toda a veciñanza e non ao servizo do Partido Popular”.

As e os socialistas consideran “inadmisibles” varios puntos que se mencionan no comunicado e sinalan que “hai varias ameazas con emprender accións legais contra aqueles que falen do caso”. Unha circunstancia que para as e os socialistas “é o vivo exemplo do que pretende o PP, que é silenciar á veciñanza e que non se fale de onde foron os cargos para, deste xeito, tratar de tapar a súa neglixente xestión e as súas vergoñas”.