O PSDEG DE OURENSE ORGANIZA O IV OURENSE X BANDEIRA PARA ABORDAR OS 20 ANOS DE AVANCES EN DEREITOS SOCIAIS LGBTI E O PAPEL FUNDAMENTAL DAS MULLERES NO COLECTIVO
“Que sexa xa a cuarta edición que presentamos amosa o noso compromiso co colectivo nesta cidade e con que se continúe poñendo o foco no que consideramos imprescindible que queda sen abordar por outras formacións políticas”, destacou a secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González
A xornada terá lugar este sábado, 25 de outubro, na Cafetería Mus (rúa Xoán XXIII), entre as 10:00 e as 14:30 horas, e será aberta á cidadanía e entidades que desexen participar
Ourense, 20 de outubro de 2025. A secretaria xeral do PSdeG de Ourense, Natalia González, presentou esta mañá a IV xornada LGBTI Ourense X Bandeira coorganizadas polo partido a nivel autonómico, provincial e local e as Xuventudes Socialistas de Galicia. “Que sexa xa a cuarta edición que presentamos amosa o noso compromiso co colectivo nesta cidade e con que se continúe poñendo o foco no que consideramos imprescindible que queda sen abordar por outras formacións políticas”, destacou na rolda de prensa de presentación que tivo lugar esta mañá.
Explicou que a programación persegue facer un repaso aos últimos 20 anos de avances en dereitos para o colectivo LGBTI, da man do Partido Socialista, e as dificultades coas que se atopan as mulleres que pertencen ao colectivo e o papel imprescindible que desenvolveron e desenvolven no mesmo. “É un acto aberto a toda a cidadanía de Ourense e agardamos que todas as entidades interesadas asistan para escoitalas e que tamén poidan trasladar a súa percepción da situación actual e recoller as súas demandas”, engadiu.
“Con estas xornadas queremos dicir que os dereitos non se regalan: se conquistan, se defenden e se protexen cada día. E non é só un acto, é unha declaración política e un compromiso ético que demostra que a nosa é unha cidade diversa, libre e orgullosa de si mesma”, sinalou o coordinador provincial das XSO, Borja López, que tamén asistiu á presentación do IV Ourense X Bandeira.
“Fronte ás dereitas reaccionarias que pretenden rematar cos nosos dereitos, as e os socialistas demostraremos que existe outra forma de facer política. E fronte á involución que algúns queren, nós poremos pé en parede”, destacou dando paso ao secretario LGBTI da agrupación provincial, Javier Alén, que describiu o programa pormenorizadamente.
Neste senso, expuxo que a xornada terá lugar este sábado, 25 de outubro, na Cafetería Mus (rúa Xoán XXIII), entre as 10:00 e as 14:00 horas. Comezará cunha mesa na que participarán Kevin Pérez, investigador predoutoral en diversidade e secretario LGBTI de JSE; Teresa Barge, tenente alcalde de Celanova; e Antonio Giraldo, concelleiro en Madrid polo PSOE.
A segunda mesa dará comezo arredor das 12:30 e nela participarán Beth Giraldo, activista polos dereitos trans e vicepresidenta de COGAM; e Noemí Díaz, concelleira do Goberno Municipal da Coruña.



