O PSDEG-PSOE ESIXE AO GOBERNO DA DEPUTACIÓN EXPLICACIÓNS POLO INCUMPRIMENTO DOS COMPROMISOS ADQUIRIDOS CO CONCELLO DE VILAMARTÍN DE VALDEORRAS
O Grupo Provincial Socialista inquire ao executivo provincial sobre a falta de actuación da Deputación para garantir o abastecemento de auga potable no municipio
A tenente de alcalde de Vilamartín e deputada provincial, Sherezade Núñez, denuncia que «non sabemos nada nin do Consorcio de Augas nin a Deputación nos deu razón para solucionar os problemas»
Núñez advirte de que «non se pode esperar dous meses, ás portas do inverno» e que «está comprometida a potabilización e o abastecemento dos núcleos de poboación de Vilamartín»
Ourense, 21 de outubro do 2025. O Grupo Provincial Socialista esixe ao goberno da Deputación que explique o motivo polo que non cumpriu os compromisos públicos adquiridos polo seu presidente, Luís Menor, co Concello de Vilamartín de Valdeorras para garantir o abastecemento de auga potable tralos devastadores incendios forestais do pasado agosto. Neste senso, os socialistas piden explicacións sobre a actuación do Consorcio de Augas de Valdeorras, as medidas preventivas nas captacións afectadas e a activación das liñas de axudas anunciadas polo presidente Menor.
A tenente de alcalde de Vilamartín de Valdeorras e deputada provincial, Sherezade Núñez, denuncia que o 26 de agosto, nunha reunión institucional amplamente difundida, o presidente Menor comprometeu publicamente garantir o subministro de auga potable á poboación e que mobilizaría outras liñas de axudas. Porén, «transcorridos case dous meses desde aquela reunión, a situación non só non mellorou senón que se agravou de xeito alarmante», explica Núñez, que estivo presente naquela xuntanza xunto ao alcalde do municipio valdeorrés, Enrique Álvarez.






A representante socialista salienta que «malia que desde o Concello non deixamos de alertar do delicado da situación desde o primeiro momento, desde o primeiro día de chuvias xa temos colapsado o sistema de abastecemento». Segundo esta, «precisamos unha solución xa porque está comprometida a potabilización e o abastecemento dos núcleos de poboación de Vilamartín de Valdeorras, e agora que se aveciñan os meses de inverno pensamos que imos ter problemas aínda máis graves dos que xa estamos a padecer».
Dous meses de inacción da Deputación
«Temos á veciñanza preocupada e precisamos unha solución», remarca. Núñez insiste en que o incumprimento resulta especialmente grave porque “ao día seguinte dos incendios xa puxemos en coñecemento das distintas administracións o problema. Pero non se pode esperar dous meses, ás portas do inverno, a mandar xente ao monte». Segundo esta, a día de hoxe non saben que actuacións realizou o Consorcio de Augas desde o 26 de agosto para garantir o abastecemento, que medidas preventivas executou nas captacións afectadas ou cando se activarán as liñas de axudas anunciadas.
«O Consorcio de Augas de Valdeorras, do que a Deputación é titular, ten a responsabilidade directa e indelegable de garantir o servizo de abastecemento de auga potable no municipio. Que se faga efectivo o compromiso de Menor e que chegue unha solución efectiva xa. A Deputación de Ourense non pode seguir mirando para outro lado mentres un municipio gravemente afectado polos incendios ve como se incumpren os compromisos públicos que o seu presidente asumiu hai case dous meses», conclúe a deputada provincial e tenente de alcalde de Vilamartín de Valdeorras.

