Concello de Ourense SERVIZOS PÚBLICOS

O goberno de Jácome non fai os deberes e lle pasa a factura á cidadanía respecto ao lixo

AS E OS SOCIALISTAS PRESENTARÁN EMENDAS ANTE A SUBA DA TAXA DO LIXO E FRONTE A PASIVIDADE DO EXECUTIVO DE JÁCOME QUE LEVA ANOS DESENTENDÉNDOSE DA SÚA RESPONSABILIDADE AO RESPECTO

A normativa europea leva anos aprobada e o que esixe é avanzar cara á reciclaxe e á xestión sostible dos residuos, non lle cravar á veciñanza unha suba desproporcionada por pura incompetencia local”, incide a edil María Fernández

Levamos anos sen investir en sistemas eficaces de recollida selectiva, sen campañas de concienciación e sen modernizar o servizo. E agora, como non fixeron os deberes, pásanlle a factura directamente á cidadanía”, aclara sobre a nova suba

Ourense, 21 de outubro de 2025. Dende o grupo municipal socialista no Concello de Ourense reiteran o que xa adiantaron hai uns meses e insisten en que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome “pretende xustificar unha suba da taxa do lixo botándolle a culpa á normativa europea e ao Goberno do Estado”. Así o explica a edil do PSdeG María Fernández afirmando con rotundidade que “é falso”. “A normativa europea leva anos aprobada e o que esixe é avanzar cara á reciclaxe e á xestión sostible dos residuos, non lle cravar á veciñanza unha suba desproporcionada por pura incompetencia local”, incide fronte a pasividade de DO para adaptarse aos cambios precisos.

Así as cousas, a tamén secretaria de Función Pública e Xustiza do PSdeG explica que o problema non reside en Europa nin en Madrid; senón que corresponde á falta de planificación e a mala xestión en Ourense. “Levamos anos sen investir en sistemas eficaces de recollida selectiva, sen campañas de concienciación e sen modernizar o servizo. E agora, como non fixeron os deberes, pásanlle a factura directamente á cidadanía”, aclara sobre a nova suba.

“A política ambiental non é subir taxas, é xestionar con intelixencia e responsabilidade.
En Ourense, o que temos é un executivo que chega tarde a todo e que, cando o fai mal, busca sempre un culpable alleo”, sinala ante a actitude do alcalde e os seus edís ante cada vicisitude coa que se levan atopado nos últimos seis anos e medio.

“Dende o Partido Socialista estamos traballando actualmente nas alegacions que presentaremos xa que actualizar as taxas non pode implicar unha suba xeneralizada porque o goberno se desentenda das súas responsabilidades”, remata contundente.