Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Organizamos un acto en Celanova con Luc André Diouf

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ORGANIZA ESTE SÁBADO EN CELANOVA UN NOVO PARLADOIRO NO QUE ESTARÁ PRESENTE O DEPUTADO DO PSOE NO CONGRESO, LUC ANDRÉ DIOUF

Un acto baixo o lema “Falemos de Inmigración”, que se celebrará a partir das 7 da tarde no hotel Celanova e no que se analizará a situación migratoria no país, as políticas impulsadas dende o PSOE polo Goberno e desmentiranse diferentes bulos e mentiras da ultradereita

Luc André Diouf é unha voz experta no tema migratorio e chega a Ourense para contar a súa experiencia vital e as anécdotas do seu pasado, nun acto aberto ao público

Ourense, 22 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense organiza este sábado 25 de outubro a partir das 7 da tarde en Celanova un encontro no que estará presente Luc André Diouf, secretario de políticas migratorias e refuxiados da CEF do PSOE e deputado no Congreso. Un acto baixo o lema “Falemos de Inmigración” e que se celebrará no hotel Celanova.

Luc André Diouf é unha voz experta no tema migratorio e chega a Ourense para contar a súa experiencia vital e as anécdotas do seu pasado. O propio deputado socialista tivo que vivir nas súas carnes o problema de contar con visado e tal e como conta en varias entrevistas chegou a vivir nas rúas de Gran Canaria durante 45 días.

Neste novo parladoiro que organiza o PSdeG-PSOE de Ourense analizarase a situación migratoria no país, as políticas impulsadas polo PSOE dende o Goberno e desmentiranse os diferentes bulos e as mentiras que empregan a dereita e a ultradereita para cargar contra os migrantes. A Executiva Provincial salienta a “importancia” destes actos para concienciar a cidadanía en temas de relevancia como a migración e agarda “contar con centos de asistentes nunha terra de migrantes como é Celanova”.

Diouf é o primeiro político senegalés da historia de España. Traballou como técnico e asesor de inmigración entre 1996 e 2002, foi coordinador nos centros de información a traballadores estranxeiros de CCOO en Canarias entre 2002 e 2004, secretario de inmigración en CCOO en Canarias entre 2005 e 2013, presidente da comisión permanente do foro canario de inmigración entre 2005 e 2011 e é experto no consello asesor de Cooperación do Goberno de Canarias. Asemade forma parte da Executiva Federal do PSOE dende 2017 e é deputado no Congreso dende as xerais de abril de 2019. Coordinou e editou a publicación de dúas guías de estranxeiría, así como a execución de proxectos de Cooperación ao Desarrollo da FAAC en Senegal, Ghana, Nigeria, Sierra Leona, Gambia, Mauritania e Santo Tomé e Príncipe.