EMIGRACIÓN Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Así se desenvolveu o acto con Luc André Diouf en Celanova

O DEPUTADO SOCIALISTA, LUC ANDRÉ DIOUF, PARTICIPA NUN ENCONTRO EN CELANOVA, ONDE DESTACA O PAPEL CLAVE DO PSOE NA MELLORA DAS POLÍTICAS MIGRATORIAS, FRONTE AO DISCURSO DO ODIO E A CONFRONTACIÓN DA DEREITA E A ULTRADEREITA

O parlamentario avogou por unha “xestión compartida” das migracións entre os países de orixe, tránsito e destino, ao tempo que puxo en valor as actuacións dos distintos gobernos socialistas para lograr “unha migración legal e segura”

Tamén puxo o foco sobre os movementos migratorios, dos que afirmou “son estruturais e non conxunturais”, facendo referencia tamén á natureza permanente destes fenómenos

Dende a Executiva Provincial proseguen co seu ciclo de actos abertos á cidadanía, no que segundo explican “buscamos fomentar espazos de diálogo e de reflexión, no que as persoas poidan interactuar e dar a súa propia opinión”

Celanova, 25 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense organizou este serán en Celanova un acto aberto a cidadanía, no que participou o secretario de políticas migratorias e refuxiados da CEF do PSOE e deputado no Congreso, Luc André Diouf, para falar sobre inmigración. No acto participaron un gran número de persoas chegadas dende diferentes puntos da provincia e houbo gran interacción por parte dos asistentes, que intercambiaron impresións co poñente.

Luc André Diouf fixo referencia durante a súa intervención a Galicia como “terra de emigrantes” e lembrou que xa estivo en Ourense en ocasións anteriores reunido con diferentes colectivos e participando nun acto organizado polo PSdeG-PSOE de Ourense. O parlamentario avogou por unha “xestión compartida” das migracións entre os países de orixe, tránsito e destino, ao tempo que puxo en valor as actuacións dos distintos gobernos socialistas para lograr “unha migración legal e segura” fronte á crecente ameaza da dereita e a ultradereita.

Durante a intervención, Diouf tamén puxo o foco sobre os movementos migratorios, dos que afirmou “son estruturais e non conxunturais”, facendo referencia tamén á natureza permanente destes fenómenos. O deputado detallou que máis dun 40% das persoas africanas que foxen cara a Europa fano por “motivos económicos”, mentres que outros deciden migrar por causa do “cambio climático”, “as guerras” ou “a inestabilidade política no país”. A este respecto, o senegalés subliñou que Europa seguirá recibindo emigrantes de África “se non cambian as tornas en canto a equidade, dereitos humanos e liberdade no continente africano” e apostou por un enfoque de “xestión compartida” das migracións entre os países de orixe, tránsito e destino.

Despois de reivindicar a relevancia de garantir as dobres nacionalidades e de promover políticas circulares para que os migrantes poidan vir e traballar “por tempadas”, Diouf defendeu que “todas as melloras en política migratoria son obra do PSOE” e salientou o papel da emigración para facer fronte ao reto demográfico: “este é un continente vello e España é o segundo país máis vello do mundo despois do Xapón”. Unha situación que o senegalés ve “reequilibrada” grazas á poboación migrante, que lembrou que achega un 4% do PIB do país.

Diouf fixo un chamamento á “participación activa” das persoas inmigrantes na vida política: “Hai máis de cinco millóns de emigrantes vivindo en España, temos que ser partícipes do cambio que queremos. Ten que haber máis Luc André”. “Eu cometín o erro de non entrar antes á vida política porque non entendía que os cambios fanse dende dentro, non dende fóra. O PSOE é o único partido que ofrece eses espazos para a poboación inmigrante e hai que aproveitalos”, afirmou en contraposición ás políticas da ultradereita “que ameazan o país plural e diverso que coñecemos”, lamentou.

Dende a Executiva Provincial proseguen co seu ciclo de actos abertos á cidadanía, no que segundo explican “buscamos fomentar espazos de diálogo e de reflexión, no que as persoas poidan interactuar e dar a súa propia opinión”. As e os socialistas valoran “moi positivamente” a visita de Luc André Diouf, sinalando que “é moi importante crear e xerar unha conciencia entre a sociedade, nun tema de tanta relevancia como é a migración”.