Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Esiximos que remate a precariedade nos centros de menores da provincia

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA ESIXE QUE A DEPUTACIÓN PRESIONE Á XUNTA PARA ACABAR COA PRECARIEDADE NOS CENTROS DE MENORES DE OURENSE

Vila denuncia que «a Consellería de Política Social leva máis dun ano ignorando aos traballadores mentres 700 menores en Galicia sofren as consecuencias da falta de recursos e persoal»

A moción reclama a negociación dun Convenio digno e ao incremento urxente de financiamento para os centros da provincia, entre os que se inclúen Monteledo, Montefiz e Montealegre

O voceiro socialista avanza o apoio do PSdeG á folga convocada para o 6 de novembro, que afectará a máis de 5.000 profesionais nos sectores de atención a menores, discapacidade e educación infantil

Ourense, 27 de outubro de 2025. O Grupo Socialista na Deputación ven de presentar unha moción para instar á corporación provincial a que exerza presión sobre a Xunta de Galicia para que negocie “de inmediato” un Convenio Colectivo Galego que mellore as condicións laborais dos traballadores dos centros de reforma xuvenil e protección de menores. A iniciativa foi presentada polo voceiro do Grupo, Álvaro Vila Araújo, secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, acompañado de deputadas e deputados socialistas, nun acto simbólico celebrado a carón do Centro de Menores de Montealegre.

Vila denunciou que «a Deputación de Ourense non pode permanecer indiferente ante a pasividade da Xunta, que leva máis dun ano ignorando as peticións de reunión dos traballadores». O voceiro socialista subliñou que «a conselleira Fabiola García mira para outro lado mentres centos de profesionais sofren salarios por debaixo do SMI, ratios abusivas e xornadas de 24 horas sen persoal de substitución». Vila alertou de que «esta precariedade laboral extrema tradúcese nunha atención deficiente aos 700 menores que acollen estes centros en Galicia, que precisan estabilidade e profesionais en condicións dignas».

A provincia de Ourense alberga tres centros estratéxicos para o sistema galego de atención a menores. Monteledo dispón de 37 prazas en réxime pechado, semiabierto e aberto para o cumprimento de medidas xudiciais. Montefiz é o único centro de toda Galicia especializado en internamento terapéutico para menores con trastornos de saúde mental, cunha capacidade de 23 prazas. Montealegre está dirixido á protección de menores en situación de desamparo. Ademais, outros oito centros privados suman na provincia máis de 192 prazas, sendo Galicia a cuarta rexión con maior número de crianzas en centros.

Apoio ás mobilizacións dos profesionais

«A inacción non é unha opción cando están en xogo os dereitos de centos de traballadores e o benestar de centos de menores», subliñou o secretario provincial dos socialistas. Os traballadores convocaron unha folga para o 6 de novembro que afectará a máis de 5.000 profesionais en toda Galicia nos sectores de protección e reforma de menores, atención á discapacidade e escolas infantís. Álvaro Vila avanzou que «o PSdeG apoiará publicamente esta mobilización porque non se pode consentir que a Xunta siga eludindo as súas responsabilidades ao tempo que a situación se deteriora».

A moción socialista insta á corporación provincial a que presione á Xunta para que reciba de inmediato aos representantes sindicais e patronais e negocie un Convenio Colectivo Galego que dignifique as condicións laborais. Para Vila, «a Deputación ten a responsabilidade de visibilizar esta problemática e esixir que a Xunta asuma as súas obrigas». O voceiro socialista reclamou que «esixir estas melloras non é só unha cuestión de xustiza laboral, senón unha obriga moral cando falamos dos nenos e nenas máis vulnerables da nosa provincia, que precisan do seguimento individualizado e a estabilidade que só poden ofrecer profesionais en condicións dignas».