concellos Denuncias Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

O PP volve aos tempos do baltarismo apoiándose en tránsfugas para impulsar unha moción de censura en Manzaneda

O PSDEG-PSOE DE OURENSE AMOSA O SEU ROTUNDO RESPALDO AO ALCALDE DE MANZANEDA, AMABLE FERNÁNDEZ, E CRITICA QUE O PP IMPULSE UNHA MOCIÓN DE CENSURA APOIÁNDOSE EN TRÁNSFUGAS E EN CONTRA DA VONTADE DO POBO QUE DEU O SEU APOIO MAIORITARIO EN 2023 AO PSOE

“Estamos ante unha moción de censura na que o PP, unha vez máis, perverte a democracia e incumpre a vontade do pobo e o que decidiron democraticamente as urnas, cunha maioría absolutísima de votos ao PSdeG-PSOE e ao alcalde, Amable Fernández Basalo”

Acusan ao presidente do PP provincial, Luís Menor, de “proseguir na mesma liña do baltarismo, promovendo mocións de censura con tránsfugas, e actuando coas vellas prácticas caciquís e clientelares do PP, co único fin de acadar alcaldías a toda costa e comprando vontades en contra do votado pola veciñanza”

As e os socialistas pídenlle aos tránsfugas Antonio Núñez e Miguel Domínguez que por “dignidade, civismo e respecto aos veciños e veciñas de Manzaneda”, renuncien como concelleiros e entreguen as súas actas

Manzaneda, 27 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu total apoio ao alcalde de Manzaneda, Amable Fernández Basalo, e critica que o Partido Popular impulse unha moción de censura apoiándose en tránsfugas e en contra da vontade do municipio que deu en 2023 o seu apoio maioritario aos socialistas. Destacan que o rexedor “foi elixido pola maioría absoluta da veciñanza” e sinalan que tras dous mandatos consecutivos, “converteu Manzaneda nun concello de referencia na provincia, referencia que agora o PP e os tránsfugas queren tirar por terra”.

A moción de censura, prevista para este mércores 29 de outubro, e orquestrada polo PP, está apoiada en dous concelleiros tránsfugas, que se presentaron no seu día baixo as siglas do PSOE, “referendados e apoiados polo partido, votados polos cidadáns e que agora de xeito unilateral e en conivencia co PP enganan aos seus votantes e compañeiros e traizoan o partido impulsando esta moción de censura”. As e os socialistas pídenlle aos tránsfugas Antonio Núñez e Miguel Domínguez que por “dignidade, civismo e respecto aos veciños e veciñas de Manzaneda”, renuncien como concelleiros e entreguen as súas actas, para dar paso aos seguintes compañeiros nas listas para que tomen posesión como novos concelleiros e deste xeito non leven adiante esta moción de censura “antinatura”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense amosan a súa perplexidade ante a postura do PP provincial e do seu presidente, Luís Menor, que apoian unha moción de censura “ilexítima” con tránsfugas “en contra da vontade do pobo”. As e os socialistas acusan ao líder dos populares e presidente da Deputación de “proseguir na mesma liña do baltarismo, promovendo mocións de censura con tránsfugas, e actuando coas vellas prácticas caciquís e clientelares do PP, co único fin de acadar alcaldías a toda costa e comprando vontades en contra do votado pola veciñanza”.

“Estamos ante unha moción de censura na que o PP, unha vez máis, perverte a democracia e incumpre a vontade do pobo e o que decidiron democraticamente as urnas, cunha maioría absolutísima de votos ao PSdeG-PSOE e ao alcalde, Amable Fernández Basalo”, destacan dende o PSdeG-PSOE ourensán. Asemade acusan a Luís Menor, ao PP de Manzaneda e aos tránsfugas de “converter a política nun esperpento” e esíxenlles que “se retracten de forma inmediata, por respecto á veciñanza de Manzaneda, que apoia de xeito notorio e maioritariamente a Amable e ao PSdeG-PSOE”.

Cabe lembrar que nas eleccións municipais do 2023 no concello de Manzaneda, había só dúas papeletas a escoller, a do PSdeG-PSOE e a do PP. O PP acadou os peores resultados da súa historia con só 2 concelleiros, namentres que os socialistas da man de Amable Fernández fixéronse ca alcaldía con maioría absoluta e 5 concelleiros, duplicando en votos aos populares. As e os socialistas consideran que as urnas “deixaron unha mensaxe clara por parte da cidadanía, na que se manifestaba que non apoiaban ao candidato do PP, e máis tendo en conta que 2 meses despois, nas eleccións xerais, o PP obtivo o 55% dos votos, en detrimento do acontecido nas municipais”.

Pola súa banda, dende o PSdeG-PSOE de Manzaneda consideran que esta moción “é anómala e antinatura” e pregúntanse se o PP opta pola moción “para tratar de romper con 20 anos sen gobernar a nivel local”. Acusan aos populares de “tirarse a piscina a pouco máis dun ano das eleccións cun candidato que a veciñanza non respalda e cuns tránsfugas aos que a saber que recompensa lles ofrecerían por prestarse a apoiar esta moción da vergoña”. Neste senso tamén apuntan que “estamos ante o modus operandi habitual do PP nesta provincia, indo en contra do sentir maioritario da cidadanía, co único fin de velar por eles e non pola xente”.

Por último, dende o PSOE ourensán pídenlle ao presidente do PP provincial, Luís Menor, que “compareza de urxencia” publicamente e responda “se claramente avala este tipo de comportamentos en política”, nos que se pretende empregar as actas de dous tránsfugas para darlle a alcaldía a un partido que só conseguiu dous concelleiros nas eleccións municipais do 2023.