Concello de Ourense SERVIZOS PÚBLICOS urbanismo

Rexeitamos que as familias con menos recursos se vexan afectadas pola suba da taxa da auga

AS SOCIALISTAS REXEITAN QUE AS FAMILIAS CON MENOS RECURSOS SE VEXAN AFECTADAS POLA SUBA DA TAXA DA AUGA E RECLAMAN QUE O GOBERNO DE JÁCOME SEXA AMBICIOSO COS SERVIZOS PÚBLICOS DA CIDADE

“Gonzalo Pérez Jácome foi o que levou ao xulgado ao seu antecesor por non ser quen de licitar ningunha das concesións. E eu me pregunto por que, se é certo o que o alcalde di de que as concesións en precario non supoñen un custe maior para a veciñanza, hai uns meses tivemos que pagar varios millóns de euros á empresa de transporte urbano”, incidiu a voceira, Natalia González Benéitez, no pleno extraordinario desta mañá

“Temos una ordenanza impecable pero sen implicación política, o que nos leva a que se presenten alegacións da asociación galega de familias monomarentais e se descarten nun parágrafo porque, como non son máis, non consumen máis e non poden beneficiarse do mesmo bono que as familias numerosas”, denunciou a edil María Fernández Ojea

Ourense, 27 de outubro de 2025. Dende o grupo do PSdeG reclamaron ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome que deixe de buscar “escusas” e “a quen botar a culpa” dado que as concesións sobre as que hoxe se debateu, no pleno extraordinario do Concello de Ourense, levan caducadas dende 2018 e 2022, anos nos que gobernaron o PP e DO, e prestándose “sen contrato e fóra da legalidade”.

“No mes de xuño deste ano o alcalde falaba de grandes acordos e rebaixas importantes coas empresas concesionarias. Anunciaba que as reclamacións de 28 millóns de euros finalmente se reducirían a 18, e resulta que hoxe son 24. Que as reclamacións da empresa de limpeza se pecharían en 7,6 millóns e que a empresa da auga faría obras sen cargo por valor de 2 millóns, polo que a cidade saía beneficiada. Vostede goberna a golpe de titulares, pero da xestión mellor non falemos”, lembrou a portavoz, Natalia González Benéitez, sobre as declaracións que o propio rexedor realizou.

Así as cousas, a voceira dos e das socialistas describiu a última década, no que atinxe á contratación das concesións, como de “incompetencia” e “desleixo” por parte dos gobernos de Partido Popular e Democracia Orensana –que leva seis co bastón de mando– que foron os que deixaron que caducasen sen ser capaces de sacalas da precariedade na que se atopan actualmente. “Gonzalo Pérez Jácome foi o que levou ao xulgado ao seu antecesor por non ser quen de licitar ningunha das concesións. E eu me pregunto por que, se é certo o que o alcalde di de que as concesións en precario non supoñen un custe maior para a veciñanza, hai uns meses tivemos que pagar varios millóns de euros á empresa de transporte urbano”, incidiu.

“É inadmisible que un Concello coa dimensión do noso continúe funcionando con todas as concesións de servizos fundamentais en precario, co custe que iso supón para a cidadanía. Ao mesmo tempo, entendemos que se está a poñer en risco as arcas municipais por unha pésima xestión. Este acordo non vai poñer solución nin orde no desastre que teñen nos servizos. Por outro lado, si é certo que algo de aforro vai supoñer para a cidadanía, evitando xuros derivados dun proceso xudicial. Por iso o noso voto vai ser a abstención, sen deixar de criticar o seu proceder”, expuxo sobre a modificación de crédito 7P para débedas reclamadas pola empresa de abastecemento, saneamento de depuración de augas residuais.

No que respecta á aprobación definitiva da ordenanza reguladora das tarifas dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración da auga do Concello de Ourense, as socialistas argumentaron o seu voto en contra sinalando que supón un esforzo para moitas familias de Ourense nas que repercute a ausencia de vontade política do executivo municipal. “En maio deste ano viñeron a este pleno as actualizacións das tarifas da auga que levaban sen adecuarse ao presente dende 2012. E é certo que deben actualizarse os prezos. Pero non sería moitísimo mellor licitar primeiro o servizo para, posteriormente, actualizar as tarifas para non ter unha discusión sobre canto nos custa?”, sinalou a edil do PSdeG María Fernández Ojea na súa intervención.

Nesta liña, puxo de relieve que o que para unhas persoas se traduce “só” en 5 euros, para moitas outras supón un esforzo moi importante mentres padecen como suben os prezos e as taxas dos servizos básicos e de todo o que precisan para consumo primario, mentres os soldos non aumentan ao mesmo ritmo. “A ordenanza pode ser tecnicamente perfecta pero carece de ideoloxía e, polo tanto, nos afecta a todos por igual. Da exclusión desta bonificación na tarifa benefícianse 9 familias en toda a cidade. Nove”, lamentou.

“A Gonzalo Pérez Jácome hai cousas que lle importan e cousas que non. As que non lle importan as deixa en mans de técnicos e funcionarios desta casa, ou de fóra desta casa contratados por el de libre designación. Polo que temos una ordenanza impecable pero sen implicación política, o que nos leva a que se presenten alegacións da asociación galega de familias monomarentais e se descarten nun parágrafo porque, como non son máis, non consumen máis e non poden beneficiarse do mesmo bono que as familias numerosas”, denunciou durante o debate.

Tamén se presentou na sesión plenaria extraordinaria desta mañá a modificación de crédito 5P subliñou que se trata, na súa meirande parte, de débedas do Concello de Ourense que volveron por terceira vez ao Salón de Plenos. “Todos estamos de acordo con que se habiliten investimentos que sexan bos para esta cidade, que melloren os servizos públicos e beneficien ás persoas. Pero o único que traen é problemas, derivados da súa ausencia de xestión política, que non son quen de arranxar por vostedes mesmos. Entón, serían tan amables de licitar as concesións que teñen en precario e de executar o Orzamento que teñen en vigor?”, exhortou ao executivo de DO nun punto da orde do día no que as socialistas se abstiveron.

Por outra banda, a edil do PSdeG desmentiu ao goberno de Jácome cando afirmou que o plan de ampliación do servizo público de prevención e extinción de incendios e salvamento do Concello de Ourense 2025-2028 –que tamén se presentou para a súa aprobación no pleno desta mañá– era “ambicioso”. “Ambicioso sería apostar por un servizo de extinción de incendios moderno, adaptado á terceira cidade de Galicia e do século XXI, e no que os e as profesionais cobrasen os seus salarios íntegros. Por que o executivo local é capaz de chegar a un acordo con Viaqua e non é capaz de facelo polo exceso horario dos bombeiros e así nos aforrariamos, ademais de disgustos e problemas, tempo e cartos públicos?”, cuestionou sobre a inoperancia do goberno respecto a según que problemáticas.

Subliñou que o termo “ambicioso”, para as concelleiras socialistas, implicaría, entre outras cousas, a construción dunhas instalacións para o servizo de extinción de incendios que tamén podería servir para a Policía Local e Protección Civil, que responda as necesidades actuais da terceira urbe de Galicia. “Por que non se aposta por mellorar e nesta cidade sempre nos temos que conformar con parches? Claro, non podemos dicir que non porque todo o que sexa mellorar un servizo público esencial estamos obrigados a estar de acordo. Non imos ser o problema nunca para estas cousas”, argumentou sobre a abstención á que se acolleron.

“Pero temos que dicir que ambicioso non é, e serio non é e en tempo non van. Este servizo traballa con medios técnicos, humanos e materiais moi inferiores ao que tanto os e as profesionais como a cidade precisan. E agora teñen que conformarse con que se lles arranxe o soto porque ten filtracións e se lles merque unha escaleira que resulta imprescindible para o seu labor”, rematou contundente no que semella máis unha actitude de beneficencia que de aposta e respaldo aos empregados e empregadas públicas esenciais.