concellos Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

A xustiza suspende a tramitación da moción de censura de mañá en Manzaneda

O XULGADO CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO DE OURENSE ACEPTA A MEDIDA CAUTELAR URXENTE PRESENTADA POLO ALCALDE DE MANZANEDA QUE SUSPENDE A TRAMITACIÓN DA MOCIÓN DE CENSURA DE MAÑÁ AO PODER EXISTIR CAUSAS DE NULIDADE

Amable Fernández presentou un recurso ante o xulgado ao apreciar “varias irregularidades” na presentación da moción entre as que destacan que “dous dos catro asinantes non compareceron de forma presencial, nin se autenticou a súa firma ante o secretario ou o notario, tal e como recolle a lei”

Dende o PSOE de Ourense celebran a decisión tomada polo xulgado e agardan que “ou ben o PP se retracte no impulso desta moción ou os dous concelleiros tránsfugas entreguen a súa acta”

Manzaneda, 28 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense informa de que o xulgado número 2 do contencioso administrativo de Ourense acepta a medida cautelar urxente presentada polo alcalde, Amable Fernández Basalo, e suspende a tramitación da moción de censura, que debía celebrarse mañá mércores ao poder existir causas de nulidade. O xulgado da un prazo de tres días ao concello e ao secretario para que formulen as alegacións que estimen procedentes, coa advertencia de que, de non facer ningunha manifestación, manterase o resolto neste auto sen necesidade de ditar nova resolución.

O actual rexedor do municipio presentou fai uns días unha solicitude de medidas cautelarísimas ao apreciarse numerosas “irregularidades” na presentación da moción de censura en Manzaneda. Tal e como recolleu no seu recurso, a moción presentada o pasado 15 de outubro foi certificada polo secretario alegando que cumpría cos requisitos legais esixidos e permitía a celebración automática do pleno, sen ter en conta ditas irregularidades.

Tal e como alegaba o alcalde “tívose constancia que dos catro concelleiros asinantes, só dous compareceron de forma presencial ante o secretario para autenticar as súas firmas, sendo os outros dous testimoniados sen a presencia física, nin autenticación notarial segundo manifestacións do propio secretario, polo que non pode autenticar dúas firmas que non presenciou”. No mesmo recurso tamén se recolle que o secretario “recoñeceu expresamente que só dous dos asinantes compareceran, vulnerándose así o artigo 197.1 a) da Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral, que esixe a autenticación de todas as firmas por notario ou polo secretario”.

Na solicitude tamén se fai fincapé en que a notificación da moción de censura “é totalmente defectuosa e claramente limita o acceso á información, dado que o mesmo día no que se presentou, o secretario procedeu a notificar aos membros do pleno única e exclusivamente a convocatoria da sesión correspondente, sen axuntar o texto íntegro da moción”. Asemade consideran que na convocatoria do pleno “ten orixe un acto nulo de pleno dereito “Ab initio”, que ocasionaría un prexuízo irreparable ao cargo e a institución municipal”.

Dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense celebran que o xulgado acepte a medida cautelar urxente solicitada polo PSOE e reafírmanse en que “as irregularidades na presentación da moción eran notorias, posto que debe acreditarse correctamente as firmas dos asinantes, ben ante o secretario ou ben ante notario, algo que non aconteceu neste caso con dous dos concelleiros”. As e os socialistas quedan agora a espera de novos acontecementos e agardan que os tránsfugas entreguen as súas actas e renuncien como concelleiros ou que o PP se retracte no impulso desta moción.