AS SOCIALISTAS NO CONCELLO DE OURENSE PRESENTAN UNHA BATERÍA DE INICIATIVAS POLO 25N PARA PREVIR A VIOLENCIA SOBRE AS MULLERES DENDE O EIDO DEPORTIVO, EDUCATIVO, CULTURAL E INSTITUCIONAL
Unha cápsula do tempo, un Pleno simbólico, unha cabina do amor tóxico formación de educadores e alumnado ou exposicións e campañas itinerantes son algunhas das propostas que levarán ao Consello Municipal de Igualdade
Identificar puntos perigosos para as mulleres (como zonas escuras ou mal deseñadas) e desenvolver un plan de mellora urbana ou emprazar bancos violetas con códigos QR con información relevante, son outras das ideas
Ourense, 29 de outubro de 2025. Un ano máis, as edís do PSdeG no Concello de Ourense, rexistraron unha batería de propostas para conmemorar o 25N de xeito transversal e chegando a maior parte da cidadanía posible con actuacións que van dende crear espazos comúns de reivindicación ata actividades formativas para detectar e previr a violencia que aínda hoxe en día se exerce sobre as mulleres.
As socialistas entenden que o eido cultural debe servir para reforzar a mensaxe feminista e de loita contra o machismo con, por exemplo, a creación dun festival de curtas (en colaboración co Cineclub Padre Feijóo) que funcione como un concurso local coa elaboración e proxección de curtas sobre igualdade e violencia de xénero ou unha exposición itinerante nos centros cívicos e na Biblioteca Municipal con retratos e testemuñas de vítimas.
As rúas de Ourense tamén deberían ser espazo para combater a violencia contra a muller, segundo as edís do PSdeG. Entenden que sería oportuno situar bancos violetas con códigos QR que enlacen a recursos de axuda e mensaxes de sensibilización para nenas, adolescentes e mulleres xa adultas; así como realizar unha campaña municipal no transporte público con mensaxes e teléfonos de axuda nas marquesiñas e autobuses.
Nesta liña, e tal e como xa solicitaron en anos anteriores, defenden a realización dunha auditoría de seguridade urbana e participativa nos barrios da cidade para identificar puntos perigosos para as mulleres (como zonas escuras ou mal deseñadas) e desenvolver un plan de mellora urbana. Acondicionar o parque do 25N, en Reza, e potencialo como lugar de encontro para diversas actividades e outro reclamo no que insisten as socialistas.
Os centros educativos e os clubs e escolas deportivas tamén poden servir como revulsivo ante a violencia machista. Por elo, dende o grupo municipal do PSOE piden que se elabore un programa destinado a alumnado de Secundaria e Bacharelato para dotar a adolescentes e ás súas familias de ferramentas prácticas na identificación de sinais de violencia psicolóxica, control dixital e relacións de dependencia emocional.
Así mesmo, promover unha cultura de igualdade e respecto nos espazos deportivos e xuvenís, dotando ás persoas responsables, adestradoras e participantes de ferramentas para detectar, previr e actuar fronte a condutas machistas debería ser una prioridade para o executivo municpal, tal e como expoñen as edís socialistas. Sensibilizar sobre as distintas formas de violencia e desigualdade de xénero que poden aparecer no ámbito deportivo e nas actividades xuvenís e formar ao persoal técnico, directivo e monitorado en estratexias de prevención e intervención ante comportamentos machistas é imprescindible para anticipar condutas que se aprenden por repetición e que deberían estar erradicadas da sociedade.
Tamén propoñen a creación e emprazamento, en lugares públicos, dunha cabina de tamaño reducido, simbólicamente decorada onde as persoas poidan entrar e vivir unha experiencia sensorial directa. Podería chamarse ‘Cabina de amor tóxico’ e o impacto desta proposta reside na súa capacidade de xerar un efecto emocional directo, concienciar, e abrir conversas reais sobre violencia psicolóxica e control dixital entre a mocidade e a súa contorna.
Todo elo, advirten as edís do PSdeG no Concello de Ourense, debe ir acompañado dun posicionamento e respaldo institucional forte. Por iso proxectan que se podería levar a cabo un Pleno simbólico coa participación de mulleres referentes locais que conten, brevemente, a súa experiencia; unha cápsula do tempopara recoller as mensaxes de mulleres de toda a cidade de Ourense que reflexionen sobre cuestións de igualdade, violencia de xénero, superación persoal ou experiencias de vida que desexen transmitir ás futuras xeracións; ou ofrecer á cidadanía unha ferramenta de expresión anónima para transmitir reclamacións, experiencias ou mensaxes directas ao Concello, á Policía Local, á Xunta de Galicia, ou a outros organismos competentes, instalando un buzón físico en espazos públicos e un dixital na web do Concello onde ao longo do ano se recollan as testemuñas e se dea lectura a unha escolma no turno de rogos e preguntas do Pleno.

