O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA O REGRESO AO BALTARISMO COA MOCION DE CENSURA APOIADA EN TRANSFUGAS NO CONCELLO DE MANZANEDA E RECLAMA A LUÍS MENOR QUE RECTIFIQUE
Vila esixe ao PP que abandone a «compra de tránsfugas con diñeiro público» e advirte que o seu apoio ao transfugismo «marcará un antes e un despois» nas relacións entre ambos partidos na provincia
O alcalde de Manzaneda denuncia que o PP intenta «roubar coa axuda de dous concelleiros que traizoaron aos seus votantes» un concello que os populares «non foron capaces de gañar nas urnas»
Os socialistas alertan de que o PP está «intentando a mesma xogada en máis concellos» e responsabilizan directamente ao presidente Menor de promover e bendicir o transfugismo para «sumar alcaldías a toda costa»
Manzaneda, 29 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense compareceu hoxe ante os medios de comunicación en Manzaneda para denunciar o intento de moción de censura impulsado polo PP con dous tránsfugas. O secretario provincial, Álvaro Vila, e unha delegación de cargos do partido desprazouse ata o municipio para arroupar ao alcalde, Amable Fernández Basalo, e trasladar o «total e rotundo» respaldo de todo o partido.
O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, advertiu que «esta decisión de seguir o mesmo camiño, de comprar tránsfugas con diñeiro público, como fixeron os seus antecesores, marcará un antes e un despois nas relacións entre PP e PSOE. Nos despachos non podemos terxiversar as opcións que os veciños fan nas urnas». Vila esixiu ao PP que «rectifique e volva á senda constitucional, e ao pacto antitransfugismo, que segue vixente a día de hoxe, alén da sentenza xudicial».
O dirixente socialista denunciou que «o que se fai en Manzaneda apoiado en dous tránsfugas é algo inaudito para Ourense, algo que rompe coa sintonía a prol da provincia». Álvaro Vila responsabilizou directamente ao presidente do PP: «Esto non se pode facer sen o consentimento do presidente do PP de Ourense, sen o consentimento do presidente da Deputación. Ou non ten control sobre o partido ou ben el dá o beneplácito, e as dúas opcións son malas».










Vila alertou de que «constanos que esta mesma xogada se está intentando en máis concellos onde goberna o Partido Socialista. Están falando con alcaldes nosos para que se cambien de cor política». O secretario provincial subliñou que «a relación non pode ser a mesma cando están vindo a roubar á nosa casa con dous tránsfugas que están con cartos públicos, porque xa veremos as prebendas».
O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández Basalo, denunciou que «fan esto a un ano das eleccións» e asegurou que «todos os días ves o apoio da xente, que che di que sigas tranquilo. Ao candidato do PP xa lle dixeron nas urnas que non era a opción da xente». O rexedor recordou que «pasamos de 3 a 5 concelleiros, o que quere dicir que non eramos tan malos».
Amable destacou a súa xestión ao fronte do concello: «Sacamos o concello adiante na pasada lexislatura pasando unha pandemia e pasándoo mal. A xente que vive aquí sabe o que hai, sabe como traballamos. Temos moitos proxectos, traballos, arreo, moitas cousas en curso». Sobre a oposición do PP, o alcalde sinalou que «temos unha boa oposición, que non presentou unha moción en seis anos. Non pisan o concello, chegan tarde ao pleno, cando veñen».
Regreso aos «tempos máis escuros do baltarismo»
Dende a Executiva Provincial amosan a súa «sorpresa» ante as declaracións do PP provincial nos últimos días, que «tras negar que estiveran detrás da moción por activa e por pasiva, sacaron ao fin a careta para recoñecer que a apoian e que irán ata o final». As e os socialistas subliñan que «volvemos aos tempos máis escuros do baltarismo, cun Luís Menor que bendice e promove o transfugismo, co único obxectivo de sumar alcaldías a toda a costa».
Os socialistas denuncian que «no PP de Ourense o caciquismo e o clientelismo nunca se foron, senón que estiveron durmidos, agardando para volver a irromper ás primeiras de cambio e romper coa vontade democrática do pobo de Manzaneda». Dende o PSOE critican que o PP «pretende gobernar o concello sen respectar as normas democráticas básicas, tentando comprar co diñeiro dos veciños e das veciñas aquilo que non conseguiu nas urnas».
O auto xudicial do xulgado número 1 do contencioso administrativo de Ourense aceptou a medida cautelar urxente presentada polo alcalde e suspendeu a tramitación da moción de censura ao poder existir causas de nulidade. Dende o PSOE destacan que PP e tránsfugas «pretenden gobernar o concello sen saber as normas de funcionamento do mesmo», en alusión ás irregularidades detectadas na firma da moción.
Os socialistas pregúntanse «en que mans vai quedar a veciñanza de Manzaneda se o PP e os tránsfugas entran ao goberno?» e apuntan a que «se son incapaces de asinar correctamente unha moción de censura, como van poder xestionar un consistorio e solucionar os problemas da veciñanza?». Dende o PSOE agardan que «ou ben o PP se retracte no impulso desta moción ou os dous concelleiros tránsfugas entreguen a súa acta».

