Concello de Ourense Mobilidade urbanismo

Denunciamos falta de transparencia e planificación na instalación dos novos radares e cámaras do Casco Histórico

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DENUNCIA A FALTA DE PLANIFICACIÓN E TRANSPARENCIA NA INSTALACIÓN DOS NOVOS RADARES E CÁMARAS DE CONTROL DE ACCESO AO CASCO HISTÓRICO

O informe remitido pola Policía Local, solicitado polo PSdeG do Concello, que revela o que consideran como unha clara “falta de planificación, transparencia e participación cidadá” por parte do goberno local

Non se poden tomar decisións que afectan á vida diaria da veciñanza sen base técnica nin diálogo previo”, advertiu a voceira, Natalia González Benéitez

Ourense, 30 de outubro de 2025. O grupo municipal socialista de Ourense considera “moi preocupante” o contido do informe remitido pola Policía Local sobre o sistema de radares e cámaras de control de acceso ao Casco Histórico, solicitado polo PSdeG do Concello, que revela o que consideran como unha clara “falta de planificación, transparencia e participación cidadá” por parte do goberno municipal.

As socialistas sinalan que o documento non inclúe estudos de mobilidade nin informes técnicos axeitados que xustifiquen a instalación dos radares, limitándose a mencións xenéricas ao PMUS e ao proxecto da empresa adxudicataria, sen facilitar copia nin resumo algún, o que impide calquer labor de fiscalización por parte da oposición ou da cidadanía. “Non se poden tomar decisións que afectan á vida diaria da veciñanza sen base técnica nin diálogo previo”, advertiu a voceira, Natalia González Benéitez.

Ademais, destacan que o informe recoñece que o sistema de control de acceso á zona histórica aínda está en fase de probas e que o plan de comunicación cidadá está “en desenvolvemento”, a pesar de que xa se están a emitir avisos de denuncia. “Estamos ante unha actuación improvisada e mal planificada, que pode xerar confusión e inseguridade xurídica entre os veciños e comerciantes”, subliñou a tamén secretaria do PSdeG en Ourense.

Con todo, dende o grupo municipal socialista reclaman ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome que publique toda a documentación técnica e suspenda temporalmente as sancións, ata garantir un sistema plenamente operativo, transparente e acompañado dunha campaña informativa. “Queremos unha mobilidade ordenada e segura, pero tamén participada e xusta”, concluíu.