Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos iniciativas en favor do centro de menores e a discapacidade intelectual

 A DEPUTACIÓN APROBA AS MOCIÓNS SOCIALISTAS SOBRE CENTROS DE MENORES E DISCAPACIDADE INTELECTUAL MALIA O PP

A iniciativa sobre os centros de reforma xuvenil e protección de menores sae adiante co voto favorable de PSdeG-PSOE, BNG e DO, mentres o PP se abstén malia a gravidade da situación denunciada

Prospera tamén o apoio a FADEMGA e ao sector da discapacidade intelectual co voto en contra do PP, que unha vez sae en defensa da Xunta de Galicia en detrimento das entidades sociais da provincia

Menor retractouse e recoñeceu a existencia de pezas da colección de Sotelo Blanco en dependencias da Deputación e a posta en marcha do Museo de Antropoloxía de Castro Caldelas

Ourense, 31 de outubro de 2025. O Pleno da Deputación celebrado este venres aprobou as dúas mocións presentadas polo Grupo Provincial Socialista sobre os centros de menores e para o apoio ao sector da discapacidade intelectual. Ambas iniciativas saíron adiante malia a oposición e abstención do PP, que voltou demostrar a súa falta de sensibilidade cos sectores máis vulnerables da provincia.

O voceiro socialista, Álvaro Vila, celebrou a aprobación das dúas mocións presentadas polo seu Grupo e lamentou que «o PP volva a dar as costas a aqueles que máis precisan de axuda na nosa provincia”. Vila subliñou que «a aprobación de ámbalas dúas iniciativas evidencia que hai maiorías alternativas na Deputación cando se trata de defender os intereses e necesidades da provincia fronte á inacción e pasividade do PP».

Centros de menores: urxe convenio galego digno

A moción sobre centros de menores instaba á Deputación a presionar á Xunta para que negocie de inmediato un convenio colectivo galego que dignifique as condicións laborais dos traballadores, garantindo salarios por riba do SMI, ratios axeitadas, persoal de substitución e mellora de instalacións nos centros de Monteledo, Montefiz e Montealegre.

Sherezade Núñez, a deputada socialista que defendeu a moción, denunciou que «é incomprensible que o PP se absteña nunha moción que reclama melloras urxentes para os traballadores e para os máis de 700 menores institucionalizados en Galicia, cando os propios sindicatos convocaron unha folga para o 6 de novembro».

Núñez alertou de que «a Conselleira leva máis dun ano ignorando as peticións de reunión dos representantes sindicais, a pesares do apoio maioritario dos traballadores e o respaldo das propias patronais «. A deputada subliñou que «esta precariedade laboral extrema tradúcese nunha atención deficiente aos menores máis vulnerables, que precisan estabilidade e profesionais con condicións dignas para o seu desenvolvemento».

Discapacidade intelectual: asfixia económica das entidades

Malia o principio de acordo alcanzado en datas recentes coa Consellería de Política Social, o Grupo Socialista mantivo a moción «a instancias da propia FADEMGA, que nos solicitou seguir adiante porque aínda non hai nada concreto, xa que de momento só hai promesas», explicou Xosé Carlos Valcárcel. O deputado e alcalde de Barbadás subliñou que «a iniciativa tamén responde a unha crítica xeral ao infrafinanciamento crónico dos servizos sociais por parte da Xunta, un problema estrutural que vai máis alá dun acordo puntual».

Valcárcel considerou «gravísimo» que o PP votase en contra da moción de apoio a FADEMGA: «Votar non a esta iniciativa é votar non ás 358 persoas con discapacidade intelectual atendidas en Ourense, aos 439 socios e ás 160 profesionais que traballan nestas entidades». O alcalde de Barbadás destacou que «a mobilización social e a presión institucional foron imprescindibles para conseguir que a Xunta se sentase a negociar despois de meses ignorando as peticións do sector».

O deputado socialista denunciou que «as entidades federadas a FADEMGA sufriron unha asfixia económica porque a Xunta só propuxo unha actualización dos módulos entre o 5,40 e o 7,88%, cando os custos operativos disparáronse máis dun 20%». Valcárcel advertiu que «agora toca vixiar o cumprimento efectivo dos compromisos adquiridos e seguir demandando un financiamento xusto, digno e estable para o sector da discapacidade intelectual en Ourense e en toda Galicia».

Menor rectifica sobre o Museo de Antropoloxía

O presidente da Deputación retractouse das manifestacións que fixo no pleno de setembro, cando cuestionou a credibilidade de Olegario Sotelo Blanco sobre a cesión da súa colección etnográfica á corporación provincial. Menor recoñeceu a existencia de pezas do museo en instalacións da Deputación, como o Pazo de Vilamarín, despois de que o Grupo Socialista presentase documentación irrefutable que demostraba a existencia do convenio asinado en 2017 e ratificado en 2018.

A instancias do PSdeG-PSOE, o presidente comprometeu acondicionar o local en Castro Caldelas para acoller o Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra e outorgar unha subvención nominativa para o seu mantemento. Diego Fernández, deputado socialista, valorou que «tras case oito anos de abandono e despois de manchar publicamente a honra dun recoñecido investigador ourensán, o PP acepte finalmente a evidencia e se comprometa a cumprir os acordos asinados pola propia Deputación hai case unha década».

Pola súa banda, o Grupo Provincial Socialista tamén inquiriu ao presidente sobre a política de etiquetado de publicacións institucionais da Deputación nas redes sociais do PP, confundindo as fronteiras entre corporación provincial e partido político. Menor negou calquera confusión entre a función institucional da Deputación e o seu rol como líder do PP provincial. Diego Fernández lamentou que «o presidente rexeite a evidencia visible en redes sociais, onde publicacións institucionais aparecen etiquetadas na conta do PP, confundindo deliberadamente aos cidadáns sobre o que é comunicación pública e o que é propaganda partidaria».