Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Celebramos que a Xunta declare zonas farmacéuticas especiais tras varias iniciativas socialista

O PSDEG-PSOE FELICÍTASE DA DECLARACIÓN DE ZONAS FARMACÉUTICAS ESPECIAIS POLA XUNTA DE GALICIA E ESIXE CONCRECIÓN

Álvaro Vila pon de relevo que o PP «volve aplicar unha proposta socialista» e reivindica o papel do PSdeG-PSOE como «motor de ideas e solucións reais» para os problemas da provincia

O líder dos socialistas ourensáns valora positivamente as medidas anunciadas pola Xunta, pero esixe que se materialicen con «orzamento real, plans concretos e seguimento efectivo»

O Grupo Provincial Socialista manterá a súa función de fiscalización para evitar que as promesas da Xunta «queden en papel mollado» e seguirá a traballar en propostas para frear o despoboamento

Ourense, 3 de novembro de 2025. O secretario provincial do PSdeG-PSOE e voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila, valorou hoxe a recente decisión da Xunta de Galicia de declarar 29 zonas farmacéuticas especiais na comunidade autónoma, das cales varias se localizan na provincia de Ourense, en concellos como Cualedro, A Merca, A Veiga, A Bola, Viana do Bolo, O Bolo e Castrelo do Val. Para Vila, esta medida «é positiva e necesaria», pero subliñou que «non foi un acto de xenerosidade espontánea do PP, senón o resultado directo da presión política e das propostas concretas que o PSdeG-PSOE vén impulsando desde hai meses».

O líder socialista reivindicou a moción presentada polo seu grupo en outubro de 2024, aprobada por unanimidade no Pleno da Deputación, na que xa se esixían actuacións específicas para mellorar as condicións das farmacias rurais e garantir a súa viabilidade económica. «O Partido Popular ten un patrón ben coñecido: primeiro ataca, oponse ou ignora as nosas propostas, despois adopta como propias as ideas que os socialistas levamos defendendo desde o principio», afirmou Vila.

O secretario provincial lembrou que a moción presentada polo PSdeG-PSOE «non só identificou o problema con rigor e profundidade, senón que tamén formulou solucións viables para que as farmacias do rural poidan sobrevivir nun contexto de despoboamento, envellecemento e dispersión xeográfica». Para Vila, «é evidente que a presión exercida dende as institucións, a mobilización das profesionais do sector e a insistencia do PSdeG-PSOE foron determinantes para que a Xunta movese ficha».

Vila destacou que a moción socialista, defendida no Pleno da Deputación por Elena Álvarez Cerdeiriña, farmacéutica dos Peares, subliñaba xa entón que as farmacias rurais «non son só un servizo sanitario, senón un piar fundamental do benestar da veciñanza e un vector de loita contra o despoboamento». «Agora a Xunta adopta un discurso case idéntico ao noso, pero a cidadanía debe saber quen fixo o traballo previo, quen identificou o problema e quen presentou as solucións», fincou o voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense.

Esixencia de concreción orzamentaria e seguimento efectivo

Álvaro Vila valorou que a Consellería de Sanidade recoñeza finalmente «a labor imprescindible das farmacias rurais no seguimento da medicación dos maiores e na cohesión das comunidades», pero advertiu que «as declaracións de boas intencións non abondan». Vila esixiu que a Xunta «concrete con orzamentos reais, plans de actuación específicos e mecanismos de seguimento efectivo» as medidas de apoio ás farmacias das zonas especiais declaradas. «Non queremos titulares baleiros, queremos recursos tanxibles e compromisos cumpridos», apuntou o voceiro, que tamén demandou transparencia nos criterios de selección das zonas e nas axudas que se van destinar a cada unha delas.

«O PSdeG-PSOE seguirá exercendo a súa función de control e fiscalización para garantir que estas medidas non queden en papel mollado», subliñóu Vila. O voceiro socialista reivindicou o papel do seu partido como «motor de ideas e solucións concretas» para os problemas reais da provincia e insistiu en que «cando o PP aplica as nosas propostas, demostra que os socialistas somos quen marca o camiño do progreso». Vila anunciou que o Grupo Provincial Socialista seguirá traballando en novas iniciativas para defender as farmacias rurais, mellorar os servizos públicos no territorio e frear o despoboamento na provincia de Ourense.