AS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE PRESENTARON EMENDAS AO TASAZO DO LIXO CON PROPOSTAS ALTERNATIVAS PARA QUE O MODELO SEXA MÁIS XUSTO, PROGRESIVO E SOSTIBLE
“O Concello de Ourense leva máis dunha década sen implementar ningún tipo de mellora no servizo público esencial do tratamento de residuos, sen adaptarse as políticas medioambientais e sen fomentar a reciclaxe”, lamenta a edil María Fernández Ojea
Piden que se graven novas casuísticas como as Vivendas de Uso Turístico (VUT), que se distinga entre os distintos tipos de establecementos e comercios e favorecer que as persoas con menos recursos económicos “non se vexan afectadas de xeito excesivo polo incremento dos custes que, ademais, non melloran a calidade do servizo nin son óptimos para unha cidade como Ourense”
Ourense, 3 de novembro de 2025. O grupo municipal socialista vén de rexistrar as súas emendas ao proxecto de ordenanza das novas tarifas de tratamento de residuos e limpeza viaria do Concello de Ourense, un documento que o goberno local pretende aprobar con subas de ata o 45% para as vivendas e negocios, sen diálogo nin participación.
As socialistas denuncian, neste sendo, que o executivo municipal xustifica dita suba “cun falso imperativo legal” e cun estudo económico “feito a ollo e baseado en custes estimados dun contrato que nin sequera está adxudicado”, tal e como explica a edil do PSdeG María Fernández.
“O que propoñemos é cumprir a lei, si, pero con sentido común: que pague máis quen máis contamina, non quen menos pode”, subliña. “Non se pode facer política ambiental a golpe de recibo, sen transparencia nin participación”, critica sinalando que o incremento dos prezos non se debe a unha imposición do goberno de Pedro Sánchez nin da Unión Europea, como leva meses repetindo en bulce a dereita.
“O Concello de Ourense leva máis dunha década sen implementar ningún tipo de mellora no servizo público esencial do tratamento de residuos, sen adaptarse as políticas medioambientais e sen fomentar a reciclaxe”, lamenta a socialista. Por iso dende o grupo do PSdeG rexistraron o que consideran unha serie de modificacións que deberían de realizarse no documento a aprobar.
Nas emendas solicítase que a suba do 45% non se leve a cabo de xeito indiscriminado e non afecten a todas as persoas por igual. “No goberno local non teñen en conta ás persoas e a veciñanza é a que paga as consecuencias da súa ineptitude”, reivindica.
Así as cousas, as socialistas solicitan que as tarifas se fixen anualmente en base a un informe técnico-económico actualizado, emitido pola Intervención Municipal, que acredite os custes reais do servizo, diferenciando os custes directos e indirectos e excluíndo aqueles alleos á recollida e tratamento de residuos, co fin de evitar situacións de déficit ou superávit. “Deste xeito se garante que as tarifas respondan a datos verificables e non a estimacións provisionais dun contrato aínda non adxudicado como está a acontecer na actualidade”, puntualiza a edil.
Tamén entenden imprescindible dende o grupo do PSdeG que as tarifas aplicables ás vivendas se establezan en tramos progresivos, diferenciando categorías segundo superficie útil ou consumo medio de auga como indicador da xeración de residuos. “Non se trata máis que de introducir progresividade e equidade, de modo que quen máis contamina e consume máis recursos contribúa en maior medida”, expón.
Finalmente, piden que se graven novas casuísticas como as Vivendas de Uso Turístico (VUT), que se distinga entre os distintos tipos de establecementos e comercios e favorecer que as persoas con menos recursos económicos, en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, “non se vexan afectadas de xeito excesivo polo incremento dos custes que, ademais, non melloran a calidade do servizo nin son óptimos para unha cidade como Ourense”.

