Concello de Ourense EDUCACION Política social

Reclamamos o apoio ás familias monomarentais e a reactivación dos consellos educativos do Concello de Ourense

AS SOCIALISTAS DEFENDERÁN DÚAS INICIATIVAS PARA O APOIO E RECOÑECEMENTO DAS FAMILIAS MONOMARENTAIS E PARA A REACTIVACIÓN DO CONSELLO MUNICIPAL DE INFANCIA E O CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL

Hai algo na orde do día do pleno que nos agrada especialmente: por fin todos os partidos da Corporación apoiaremos a declaración institucional para declarar o Campo de Aragón como lugar de Memoria Democrática”, sinalou a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, nun almorzo informativo

Ademais, destacou que neste pleno ordinario tomará posesión a nova edil do grupo socialista, Olalla Meiriño, que substituirá a José Ángel Vázquez Barquero

Ourense, 5 de novembro de 2025. Dende o grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense entenden como prioritarias as políticas que defenden as necesidades das familias monomarentais e a educación pública de calidade. Por ese motivo defenrán, no vindeiro pleno ordinario de novembro, dúas iniciativas para avanzar cara a un recoñecemento administrativo expreso das familias monomarentais, no que se visibilice a súa especificidade e se poidan aplicar beneficios fiscais ou axudas e servizos adaptados ás súas circunstancias, e para o seguemento, supervisión e control do Plan de Infancia aprobado no Concello de Ourense en 2018 e a reactivación do Consello de Infancia e Adolescencia e o Consello Municipal de Educación.

“Escollemos estes dous temas porque cremos que na Administración local da cidade hai que poñer sobre a mesa o benestar social e ás persoas. Levamos dende o ano 2018, xa co anterior goberno de Jesús Vázquez, implorando que se activasen estes órganos de participación que, nos tempos que corren, son máis necesarios ca nunca. E no Consello Escolar Municipal está representado todo o tecido educativo da cidade que nos últimos 6 anos non se reuníu nin unha soa vez”, afirmou a voceira, Natalia González, nun almorzo informativo cos medios de comunicación.

«Sabemos que ao executivo de Gonzalo Pérez Jácomez non lle gusta nin os consellos nin os órganos de participación democrática, pero non por iso imos a deixar de reivindicalos como algo imprescindible que debería estar na axenda política de Ourense”, incidiu.

No que respecta á outra iniciativa, subliñou que as familias monomarentais son un colectivo moi invisibilizado e están fóra da planificación económica e de conciliación da Xunta de Galicia e os concellos. “Precisan de apoio institucional na nosa provincia arredor de 5.750 familias e algunhas delas vense en situacións de risco de exclusión social, por elo queremos que tanto o goberno autonómico como o municipal se poñan a traballar para ofrecerlles axuda e alternativas”, destacou a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Neste senso, lembrou que onte, como secretaria de Política Social da Comisión Executiva Nacional Galiega do PSdeG, mantivo un encontro coa presidenta da Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) para atender as demandas históricas do colectivo e tecer redes de colaboración. Na reunión tamén estivo presente o secretario xeral do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro, e a deputada Silvia Longueira. “Trasladámoslles o noso compromiso de recoller as súas demandas ante a falta de sensibilidade amosada polo goberno municipal que xa deixou patente desbotando as emendas presentadas polo grupo socialista na ordenanza da auga que reclamaban a necesidade de incluír bonificacións para as familias monomarentais”, expuxo anunciando que presentarán iniciativas noutras administracións.

“Hai algo na orde do día do pleno que nos agrada especialmente: por fin todos os partidos da Corporación apoiaremos a declaración institucional para declarar o Campo de Aragón como lugar de Memoria Democrática. É un trámite imprescindible para que por parte da Secretaría de Estado se designe este espazo como corresponde, tal e como levamos reclamando anos. Gustaríame agradecer o respaldo das formacións do Concello de Ourense neste senso”, puntualizou.

No que atinxe ás mocións do PP e o BNG sobre as novas liñas de autobús urbano impostas polo alcalde, adiantou que votarán a favor pero que “chegan tarde” esixindo cousas que as socialistas fixeron antes de que se puxeran en marcha. “Hai dous meses mantivemos un encontro cos representantes das asociacións de veciños e entidades sociais da cidade para recoller as súas demandas e as trasladamos, por rexistro, para que se puxera solución ás eivas detectadas. Nós fixemos os deberes cando os tiñamos que facer escoitando a todo o mundo, aínda que o executivo de Jácome fixera caso omiso”, pormenorizou.

Ademais, destacou que neste pleno ordinario tomará posesión a nova edil do grupo municipal socialista, Olalla Meiriño, que substituirá a José Ángel Vázquez Barquero, e comezará a participar no día a día da actividade do Concello de Ourense.