O PSDEG-PSOE DE LAZA DENUNCIA A SUBA “INDISCRIMINADA” DA TAXA DO LIXO NO MUNICIPIO, NAMENTRES SE PRESTA UN SERVIZO “MOI DEFICIENTE” E QUE FAI QUE OS CONTEDORES SE ATOPEN CHEOS A DESBORDAR DURANTE DÍAS, SEN QUE SE REALICE A RECOLLIDA
As e os socialistas esíxenlle ao alcalde, José Ramón Barreal, “solucións urxentes” ante unha situación que consideran “de extrema gravidade” e que pode ocasionar problemas de salubridade
Juan Ramón Álvarez sinala que “non podemos ter os contedores cheos durante 5 ou 6 días, co lixo desbordando, con cheiros insoportables e cunha situación que é un foco de risco para a saúde pública”
Con respecto a suba do recibo do lixo apuntan a que “non é máis que un taxazo co que poder recadar máis impostos da veciñanza, supoñemos que para poder manter o seu ritmo de vida e os seus salarios encubertos a base de asistencias e dietas”
Laza, 6 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Laza denuncia a suba “indiscriminada” da taxa de lixo no municipio, namentres se presta un servizo “moi deficiente” e que fai que os contedores se atopen cheos a desbordar durante días, sen que se realice a recollida. As e os socialistas esíxenlle ao alcalde, José Ramón Barreal, “solucións urxentes” ante unha situación que consideran “de extrema gravidade” e que pode ocasionar problemas de salubridade.
Dende o grupo municipal socialista explican que o rexedor do Partido Popular optou por impulsar unha “gran suba” no recibo do lixo, o que en palabras das e dos socialistas “non é máis que un taxazo co que poder recadar máis impostos da veciñanza, supoñemos que para poder manter o seu ritmo de vida e os seus salarios encubertos a base de asistencias e dietas”. Dende o PSOE consideran que esta suba “indiscriminada” no recibo do lixo “non da solucións as carencias do municipio en materia de reciclaxe e sostibilidade”, xa que tal e como apuntan “dende o concello non se impulsou ningunha campaña neste senso”.
Pero o principal problema, tal e como apuntan dende o PSdeG-PSOE de Laza, radica en que a prestación do servizo de recollida de lixo “se está prestando de forma moi deficiente”. As e os socialistas explican que as bolsas de lixo “acumúlanse nos contedores durante días, sen que se recolla, provocando que estes se atopen desbordados e deixen unha imaxe pésima, con bolsas arredor dos mesmos, nalgúns casos durante máis de 5 e 6 días”.
Ante esta situación, o voceiro do PSdeG-PSOE en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, fai fincapé en que o concello “debe tomar medidas no asunto, xa non só pola pésima imaxe que da ver os contedores desbordados de lixo, senón porque estamos ante un grave problema de salubridade”. Neste senso subliña que “non podemos ter os contedores cheos durante 5 ou 6 días, co lixo desbordando, con cheiros insoportables e cunha situación que é un foco de risco para a saúde pública”.
O voceiro socialista esíxelle ao alcalde que “tome tódalas medidas necesarias” para “garantir unha prestación eficaz do servizo de recollida de lixo” e reclámalle que “toque tódalas portas necesarias para que o servizo se preste nas condicións máis óptimas”. Juan Ramón Álvarez considera que “se a veciñanza paga máis polo servizo e se lle sube a taxa, as condicións deben mellorar e non empeorar e supor un risco para a saúde pública”.
Cabe lembrar que dende o 1 de abril de 2025, o concello de Laza, xunto co de Cualedro e Monterrei, todos eles gobernados polo PP, optaron por asumir a xestión directa do servizo de recollida de lixo, incluíndo os residuos depositados nos contedores verde e na bolsa negra e pola suba das contías nos recibos. “O tempo deunos a razón aos e ás socialistas, xa que a día de hoxe este servizo é precario, non da as prestacións correctamente e produciu o enfado dos veciños e veciñas, que teñen que ver os contedores cheos de lixo durante días”, denuncian dende o PSOE de Laza.

