Concello de Ourense Executiva municipal de Ourense Xunta

Presentamos emendas ás «promesas recicladas» e «investimentos minorados» da Xunta para Ourense

AS SOCIALISTAS DE OURENSE PRESENTAN EMENDAS ÁS “PROMESAS RECICLADAS” E “INVESTIMENTOS MINORADOS” QUE SUPOÑEN OS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALICIA PARA A CIDADE

Aparte dos imprescindibles que cada ano esiximos ao executivo autonómico do PP, presentamos algunhas emendas novidosas como é a de que a Xunta se comprometa cos proxectos recentemente incluídos no Plan Edil do Goberno de España”, explicou a secretaria xeral do partido, Natalia González Benéitez

A reactivación do Casco Histórico, apostar polo Espazo Xove, a reforma integral da rúa do Progreso, a vivenda, as instalacións deportivas como o estadio do Couto e o pavillón de ximnasia ou a mellora dalgúns centros educativos e a cofinanciación co Concello de Ourense para abrir os colexios públicos en horario non lectivo son outros dos reclamos das socialistas

Ourense, 6 de novembro de 2025. A deputada no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta, e a secretaria xeral do PSdeG de Ourense, Natalia González Benéitez, presentaron ante os medios de comunicación a súa alternativa ao presuposto que a Xunta de Galicia aprobou destinar á terceira cidade da Comunidade Autónoma en 2026. “Entendemos que o Orzamento do goberno de Alfonso Rueda é un puro exercizo de propaganda porque cronifica o colapso sanitario, o de dependencia e a caristía en materias como vivenda”, lamentou a primeira durante a súa intervención.

“Reiteran partidas, ano tras ano, que quedan sen executar. O Plan Director para o CHUO leva dotándose de presuposto dende 2023 e as obras van a paso de tartaruga como é sinxelo comprobar. O mesmo acontece coa circunvalación de Benposta que orzamentaron 1 millón para comezala este ano e agora volven a outorgarlle unha partida de 1,5 millóns para iniciala en 2026”, exemplificou sobre algunhas das promesas máis recentes do executivo do PP que quedan sen realizar.

“Aparece unha partida de 2 millóns de euros para o novo edificio da Xunta na cidade que volve a ser o novo edificio para 2026 porque nin unha pedra se colocou aínda. Tampouco se lle adicou a Ourense nin un só euro do fondo interterritorial, cando somos a provincia e a cidade que máis o precisa”, exemplificou a deputada do PSdeG.

Neste senso, e ante o que consideran como un documento cheo de “promesas recicladas” e “investimentos aminorados”, sinalou que as emendas dos e das socialistas perseguen situar a cidade no lugar que lle corresponde e rematar coas eternas necesidades que a Xunta de Galicia non atende.

“Non pedimos privilexios, senón xustiza e equilibrio territorial”, advertiu contundente, por outra banda, a secretaria xeral do PSOE en Ourense anunciando unha bateria dunha vintena de emendas que responden a “un plan viable” para contrarrestar os desequilibrios e as eivas actuais detectadas en sanidade, educación, termalismo, vivenda, transporte e mobilidade ou nas instalacións deportivas.

“Aparte dos imprescindibles que cada ano esiximos ao executivo autonómico do PP, presentamos algunhas emendas novidosas como é a de que a Xunta se comprometa cos proxectos recentemente incluídos no Plan Edil do Goberno de España para Ourense. Fondos que deixarán, grazas a Pedro Sánchez, máis de 9 millóns de euros e para os que reclamamos a aportación da Xunta de Galicia para cofinancialo, aliviando a carga correspondente ao Concello de Ourense”, explicou a tamén portavoz do grupo municipal socialista na Administración local.

No eido sanitario tamén presentan, dende o PSdeG, algúns reclamos novos como a materialización económica necesaria para dotar de persoal e medios técnicos á unidade de ictus 24 horas do CHUO e que sexa, deste modo, “integral e real” ao contrario do que é actualmente. Así mesmo, reivindican unha unidade de xeriatría especializada para a cidade de Galicia con mallor avellentamento poboacional. Todo elo sen deixar de lado a construción dos centros de saúde do Vinteún e Mariñamansa, polos que “seguen agardando os e as veciñas e non se recollen nestes presupostos”.

“Tampouco se explica que a capital termal de Galicia non dispoña dun só euro, ano tras ano, para investir nun dos seus maiores recursos naturais, maís aló dos eslogans das últimas décadas por parte do PP”, recordou afondando na promesa incumprida de instalacións como o hotel balneario que xa prometera Alberto Núñez Feijóo cando era presidente da Xunta.

A reactivación do Casco Histórico, dignificar e apostar polo Espazo Xove, a reforma integral da rúa do Progreso, a vivenda, as instalacións deportivas como o estadio do Couto e o pavillón de ximnasia ou a mellora dalgúns centros educativos e a cofinanciación co Concello de Ourense para abrir os colexios públicos en horario non lectivo -permitindo unha mellor conciliación das familias- son outros dos reclamos das socialistas que presentaron na rolda de prensa.