concellos Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Denunciamos o abandono da aldea modelo de Osmo, tras milleiros de euros de investimento

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA O “TOTAL ABANDONO” DA ALDEA MODELO DE OSMO, DESPOIS DUN “DESPILFARRO” DE MILLEIROS DE EUROS PÚBLICOS POR PARTE DO PARTIDO POPULAR

“A día de hoxe atopámonos cunha aldea con tres edificacións en ruínas, chea de matogueiras e cun camiño apenas transitable por mor dunha vexetación que crece sen control ante o pasotismo e o abandono do proxecto por parte do PP”, denuncia o voceiro provincial, Álvaro Vila

O proxecto de aldea modelo iniciado no ano 2019 serviu en palabras das e dos socialistas para que “os diferentes cargos do PP viñeran facerse a foto”, pero tal e como apuntan “a realidade 6 anos despois é a do total abandono e da desidia absoluta”

Consideran que este proxecto “é o exemplo do fracaso das políticas do PP para ao rural” e sinala que “a ausencia de transparencia é total, pois o goberno galego leva anos agochando o investimento real nun proxecto que a día de hoxe está totalmente abandonado”

Cenlle, 5 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “total abandono” que sofre a aldea modelo de Osmo, en Cenlle, despois dun “despilfarro” de milleiros de euros públicos por parte dos gobernos do Partido Popular. As e os socialistas esíxenlle á Xunta, Deputación e concello que aposten por “unha verdadeira política de mobilidade de terras e investimentos en aldeas modelo ben planificadas na loita contra o abandono”.

O grupo provincial socialista desprazouse ata a aldea modelo de Osmo, na compaña dos compañeiros e compañeiras do PSdeG-PSOE de Cenlle para coñecer de primeira man o “abandono” que sofre este proxecto impulsado pola Xunta de Galicia. “A día de hoxe atopámonos cunha aldea con tres edificacións en ruínas, chea de matogueiras e cun camiño apenas transitable por mor dunha vexetación que crece sen control ante o pasotismo e o abandono do proxecto por parte do PP”, denuncia o voceiro provincial, Álvaro Vila Araújo.

“Estamos ante un proxecto no que se investiron milleiros de euros públicos, pero cunha actuación arbitraria e sen planificar, que rematou por tornarse nun desastre ao quedar nun mero anuncio publicitario”, apunta Vila Araújo. O proxecto de aldea modelo iniciado no ano 2019 serviu en palabras das e dos socialistas para que “os diferentes cargos do PP viñeran facerse a foto”, pero tal e como apuntan “a realidade 6 anos despois é a do total abandono e da desidia absoluta”. Asemade subliñan que “no 2020, o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, veu inaugurar esta aldea modelo, que 5 anos despois é o vivo exemplo do abandono do rural”.

O PSdeG-PSOE de Ourense na Deputación considera que este proxecto “é o exemplo do fracaso das políticas do PP para ao rural” e sinala que “a ausencia de transparencia é total, pois o goberno galego leva anos agochando o investimento real nun proxecto que a día de hoxe está totalmente abandonado”. Asemade apuntan que “o que venderon como un proxecto pioneiro para Cenlle e a comarca, converteuse nunha zona “chea de vexetación, silvas e construcións derruídas, con saneamento e postes da luz, pero sen trazas de que algún día vaia a ser unha realidade”.

Cabe lembrar que no ano 2019 o goberno galego ao máis puro estilo “baltarismo” impulsaba unha adxudicación “a dedo” facturando por un lado 38.000 euros de execución e polo outro 11.600 en materiais para facer un contrato menor e adxudicalo de forma directa, para non exceder deste xeito os 40.000 euros. En 2020 asinaron un convenio para rehabilitar tres edificios tradicionais adquiridos pola Xunta, polo que o concello contratou o proxecto e licitou a obra, pero a finais de 2021 paralizouse polo abandono da empresa concesionaria.

Críticas do PSdeG-PSOE de Cenlle ao goberno municipal do PP

Por outra banda, dende o PSdeG-PSOE de Cenlle acusan ao PP de ser “uns cínicos” ao falar da aldea modelo de Osmo como a primeira de Galicia, xa que segundo apuntan “a aldea non existe, nin hai previsións de que o proxecto se poña en marcha, tal e como pode comprobar calquera persoa que se achegue ata Osmo”.

As e os socialistas consideran unha “tomadura de pelo” que a conselleira de Medio Rural, a alcaldesa e outros cargos o PP “veñan a Cenlle vender fume”, respecto a un proxecto que tal e como explican “nin está, nin se lle espera”. Acusan ao PP de “mentir descaradamente sobre este proxecto, co único obxectivo de confundir a opinión pública e saír na prensa dando a imaxe de que fan algo e lles preocupa o rural”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Cenlle, María Ángela González, denuncia que ao PP, tanto no concello como na Xunta de Galicia “éncheselles a boca ao falar do rural, de aldeas modelo e de proxectos para o interior, pero a realidade é que nin hai proxectos, nin hai aldeas modelos, nin se realizan os investimentos necesarios para que o rural de concellos como Cenlle non esmoreza”.