Concello de Ourense EDUCACION Igualdade

Apróbanse as nosas mocións para reactivar os consellos educativos e apoiar ás familias monomarentais

O GRUPO SOCIALISTA CONSEGUIU QUE SE APROBASEN AS SÚAS MOCIÓNS PARA REACTIVAR OS CONSELLOS EDUCATIVOS MUNICIPAIS E PARA APOIAR ÁS FAMILIAS MONOMARENTAIS DO CONCELLO DE OURENSE

Tamén celebraron as edís do PSdeG que, por fin, se lera unha declaración institucional, proposta e promovida polas socialistas, para declarar o Campo de Aragón como lugar de Memoria Democrática

Tamén tomou posesión do seu cargo, na sesión plenaria ordinaria desta mañá, a nova edil do grupo municipal do PSOE, Olalla Meiriño

Ourense, 7 de novembro de 2025. As edís do grupo municipal socialista veñen de conseguir o apoio, no pleno ordinario do Concello de Ourense, para a súa iniciativa para reactivar o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia e o Consello Escolar Municipal dos que xa dispón a cidade, malia que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome non os convoque nin lles dea voz. A moción resultou aprobada cos votos a favor do PP e o BNG e a abstención de DO.

“Como representantes públicos debemos ser quen de apostar pola xente nova que son o noso futuro, escoitar as súas inquedanzas, problemáticas e desexos. Ver de preto as súas necesidades e medos; que sintan que están nunha cidade segura e amable que os/as escoita e que fará todo o que estea na súa man para apoialos”, expuxo a edil do PSdeG Cristina Cruz que defendeu a iniciativa, alegando que o 11 de outubro -Día Internacional da Nena-, o 25N ou o 8M non deberían quedar nunha simple fotografía ou en actividades puntuais.

“Consideramos que non son suficientes as mostras de apoio e as reivindicacións un día só, senón que temos que empregar mecanismos, como o Consello de Infancia e Adolescencia, para contrarrestar dende a máis temprana idade os estereotipos de xénero, eliminar dende a base a violencia machista e educar en igualdade. Temos que seguir loitando dende as institucións en borrar, como dixo Annie Ernaux, ese sentimento das mulleres de estar nunha inferioridade natural con respecto ao home”, engadiu sobre a necesidade de escoitar ás nenas e que perciban que teñen, no Concello de Ourense, un lugar no que expresar as súas preocupacións e propoñer ideas.

Tamén se aprobou -cos votos a favor de PP, BNG, e a abstención de DO- a segunda das iniciativas que as socialistas levaron de apoio e recoñecemento das familias monomarentais da cidade. “Cómpre avanzar cara a un recoñecemento administrativo expreso destes núcleos familiares, no que se visibilice a súa especificidade e se poidan aplicar beneficios fiscais, axudas ou servizos adaptados ás súas circunstancias”, afirmou a voceira do PSdeG, Natalia González.

 En Ourense, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, existen 5.750 fogares monomarentais —o 12,6% do total— e máis do 80% deles están encabezados por mulleres.

“Trátase dun fenómeno que require unha mirada específica e unha resposta pública con perspectiva de xénero e de infancia. Estas familias afrontan dificultades adicionais para conciliar a vida laboral e familiar, acceder a unha vivenda, dispoñer de apoios institucionais e cubrir as necesidades básicas, especialmente cando se trata de mulleres novas, con empregos precarios ou sen rede familiar”, argumentou sobre unha moción que reclama instar á Xunta de Galicia a poñer en marcha de forma inmediata o Rexistro Galego de Familias Monoparentais e impulsar un plan de apoio ás mesmas con medidas de conciliación, apoio á crianza, acceso á vivenda e atención prioritaria nos servizos municipais.

Campo de Aragón, lugar de Memoria Democrática

Dende o grupo do PSdeG celrbearon que, por fin, todos os partidos da Corporación apoiaran a declaración institucional para declarar o Campo de Aragón como lugar de Memoria Democrática. Trátase dun trámite imprescindible para que, por parte da Secretaría de Estado, se designe este espazo como corresponde, tal e como levan solicitando anos dende a bancada socialista.

En Galicia, preto de 6.000 persoas perderon a vida como consecuencia da represión franquista, segundo os datos do proxecto de investigación Nomes e Voces, elaborado polas tres universidades galegas en convenio coa Xunta de Galicia. En Ourense, un dos lugares máis significativos desa represión é o denominado Campo de Aragón, explanada que formaba parte do antigo cuartel de San Francisco, hoxe integrado no conxunto que acolle o Auditorio Municipal, a Biblioteca Pública, o Edificio de Artes Escénicas “Manuel Suárez Castro” e o Arquivo Histórico Provincial.