O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA O COMPROMISO DO GOBERNO COA PROVINCIA, TRAS LICITARSE 17,6 MILLÓNS DE EUROS PARA A MELLORA DO FIRME EN 38 QUILÓMETROS DA A-52
Marga Martín e Rafa Villarino fan fincapé en que “estamos ante unha actuación moi necesaria, nunha autovía que empregan a diario milleiros de persoas, tanto da provincia, como doutras partes do territorio nacional”
Villarino e Martín lembran que dende a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa no 2018 “os investimentos na conservación e mantemento de estradas de titularidade nacional da provincia superou os 113 millóns de euros”
Subliñan que “estamos ante investimentos moi importantes e que remataron con anos de desleixo durante os mandatos do PP, onde se abandonaron por completo as infraestruturas e non se investiron os cartos axeitados para a mellora das mesmas”
Ourense, 13 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o compromiso do Goberno do Estado coa provincia de Ourense, tralo anuncio do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible da licitación por 17,6 millóns de euros das obras para a rehabilitación do firme entre os quilómetros 138 e 176 da autovía A-52. As e os socialistas sinalan que esta actuación “mellorará de forma notoria a seguridade viaria, a capacidade do firme e permitirá unha mellor conservación do patrimonio viario dunha autovía clave nas comunicacións na provincia”.
A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, fan fincapé en que “estamos ante unha actuación moi necesaria, nunha autovía que empregan a diario milleiros de persoas, tanto da provincia, como doutras partes do territorio nacional”. A e o representante do PSdeG-PSOE de Ourense en Madrid apuntan a que este investimento e os traballos, que comezarán en datas vindeiras, “amosan a importancia que ten para o Goberno a A-52, unha vía de alta capacidade clave para a mobilidade, o transporte de mercadorías e persoas e a cohesión territorial do noroeste peninsular, ó unir a provincia de Ourense coas Rías Baixas a coa Meseta”.
Villarino e Martín lembran que dende a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa no 2018 “os investimentos na conservación e mantemento de estradas de titularidade nacional da provincia superou os 113 millóns de euros”. Neste senso subliñan que “estamos ante investimentos moi importantes e que remataron con anos de desleixo durante os mandatos do PP, onde se abandonaron por completo as infraestruturas e non se investiron os cartos axeitados para a mellora das mesmas”.
As actuacións levaranse a cabo ao longo de 38 quilómetros da A-52, ao seu paso polos concellos da Gudiña, Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei e Cualedro e súmanse a outros investimentos realizados ao longo dos últimos anos, contemplando deste xeito a mellora total do firme desta vía de comunicación ao longo da provincia de Ourense. As actuacións están orientados á eliminación parcial e reposición do firme existente, estendendo unha nova capa de 3 cm de espesor co obxecto de aumentar a capacidade estrutural para adecuala ás acción do tráfico e ampliar, deste modo, a súa vida útil. Asemade, as labores de rehabilitación superficial consistirán no estendido dunha capa de selada sobre a capa de rodadura drenante existente e o estendido dunha nova capa de 3 cm de espesor.

