O PSDEG-PSOE DE OURENSE ORGANIZA ESTE MÉRCORES EN VERÍN UN NOVO PARLADOIRO CON MOTIVO DO 25-N NO QUE PARTICIPARÁ A VOCEIRA ADXUNTA DA CEF DO PSOE, ENMA LÓPEZ
O evento encádrase dentro dos actos organizados polo partido con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
Baixo o título “Datos que falan de igualdade: 50 anos de liberdade”, Enma López analizará o impulso á igualdade, e a loita contra a violencia de xénero, impulsada polo PSOE ao longo das últimas décadas
Ourense, 17 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense organiza este mércores, día 19, un novo parladoiro aberto á cidadanía no que participará a secretaria de Política Económica, Transformación Dixital, Emprendemento e Impacto Social e voceira adxunta da CEF do PSOE, Enma López. O evento encádrase dentro dos actos organizados polo partido con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Baixo o título “Datos que falan de igualdade: 50 anos de liberdade”, Enma López analizará o impulso á igualdade, e a loita contra a violencia de xénero, impulsada polo PSOE ao longo das últimas décadas. Dende a Executiva Provincial fan fincapé en que este novo parladoiro “é unha oportunidade para analizar a situación no país en torno a igualdade e a loita levada a cabo ao longo das últimas décadas por parte do PSOE e de milleiros de mulleres para acadar unha igualdade real e tratar de erradicar a violencia contra a muller”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense convidan á cidadanía da cidade e da provincia a participar neste parladoiro e a escoitar a intervención da voceira adxunta da CEF do PSOE, dándolle a posibilidade aos asistentes de intervir e xerar un espazo de debate e diálogo. O acto terá lugar no hotel-restaurante San Roque de Verín e ao igual que en parladoiros anteriores e futuros, amosa o compromiso das e dos socialistas ourensáns a realizar actos con figuras de primeiro nivel político ao longo de toda a provincia.


