O PSDEG-PSOE DE CENLLE INSTA AO CONCELLO A REALIZACIÓN DUNHA AUDITORÍA EXTERNA DAS CONTAS MUNICIPAIS E A XESTIÓN A RAÍZ DA TRAMA DO CANON DA AUGA
As e os socialistas consideran que vistas as “irregularidades” que se levan sucedendo no tempo na área de xestión da auga e considerando “moi importante” a transparencia e o bo facer en tódalas áreas municipais “debemos traballar para que non se produzan máis situacións similares”
María Ángela González fai fincapé en que “estamos ante un posible caso de malversación de fondos públicos” e subliña que unha auditoría “axudaría a comprobar quen foi o culpable da situación, onde foron a parar os cartos e se hai algunha outra trama que se está ocultando”
Cenlle, 19 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Cenlle insta ao goberno municipal a elaboración dunha auditoría externa das contas municipais e das distintas áreas de xestión municipal, tanto políticas, como procedementos e finanzas, a raíz da trama do canon da auga. As e os socialistas consideran que vistas as “irregularidades” que se levan sucedendo no tempo na área de xestión da auga e considerando “moi importante” a transparencia e o bo facer en tódalas áreas municipais “debemos traballar para que non se produzan máis situacións similares”.
No pleno municipal celebrado no día de hoxe, o grupo socialista presentou unha moción de este senso co obxectivo que “se aclare dunha vez por todas o acontecido co canon da auga”. As e os socialistas consideran que a “neglixente” xestión dos diferentes alcaldes do PP, empezando por Gabriel Alén, provocou que o concello teña agora que asumir o pago de multas e recargos que chegan xa case aos 300.000 euros. Neste senso tamén apuntan que a veciñanza “quere saber que pasou con eses cartos e cos que se desviaron a outra conta allea ao concello, xa que estamos falando dun posible fraude ao erario público”.
A voceira do PSdeG-PSOE de Cenlle, María Ángela González Pérez, fai fincapé en que “estamos ante un posible caso de malversación de fondos públicos” e subliña que unha auditoría “axudaría a comprobar quen foi o culpable da situación, onde foron a parar os cartos e se hai algunha outra trama que se está ocultando”. A edil socialista sinala que o PP “opúxose a auditoría por mor de ter que pagala, pero posteriormente a petición doutro grupo da oposición si aceptou que sexa a Deputación Provincial a que realice a auditoría”.

Preguntas para que o goberno municipal aclare a situación financeira do municipio
Na sesión plenaria, o PSdeG-PSOE de Cenlle aproveitou para preguntar por diferentes cuestións relacionadas coas finanzas municipais e as arcas públicas. Deste xeito trasladáronlle ao goberno local se a veciñanza de Cenlle “pode estar tranquila de que os cartos aportados son adecuadamente previstos nos orzamentos aprobados cada ano, e por tanto se o remanente de tesourería é real”. Tamén fixeron fincapé en “cal é o motivo de que as liquidacións da Deputación non se paguen na mesma conta e que se traballe en varias contas para as facturacións e liquidacións, sabendo que nestas contas aparecen cantidades importantes que nada teñen que ver cos conceptos para os que a conta está destinada”.
De igual forma, a voceira socialista tamén puxo o foco en si o concello “ten actualmente liquidados tódolos importes que debía á administración pública?”; se os alcaldes “teñen a obriga de coñecer e supervisar as contas municipais e o seu incumprimento pode dar lugar a responsabilidades e sancións?”; se tralo abandono de Cortegada da mancomunidade do Ribeiro “isto implicará unha maior aportación por parte do concello de Cenlle ou se se pensa abandonar a mancomunidade?”; se a veciñanza que quere recuperar os contadores de auga que se quitaron para por os contadores intelixentes “pode recuperalos ou se van a devolver?”; ou se na aldea modelo de Osmo “a Xunta ten arrendadas terras para a explotación de gando porcino, especificamente de raza do porco celta?”.
As e os socialistas tamén presentaron as seguintes preguntas:
Tendo en conta que desde hai anos o Partido Popular aproba os presupostos nas reunións da xunta de goberno, non se considerou nin se considera a día de hoxe ter en conta as múltiples débedas que ven acumulando este concello nin se fai un control das tarefas que cada quen ten a obriga de facer para que despois as contas saian?
Despois de que esta corporación en representación da veciñanza de Cenlle descubrise a mala tramitación dos recibos de auga, o grupo de goberno pode asegurarnos que todos os veciños están ao corrente de pagos e que poden e podemos estar tranquilos que as lecturas dos contadores estean ben efectuadas?, porque temos coñecemento de que hai veciños os que non se lles pasa os recibos pertinentes a este concepto.
Analizando a conta de ABANCA destinada ao servizo de augas, percibimos moitas irregularidades, a maiores das operación bancarias nas que se desviaba diñeiro para unha conta allea o concello. Aparecen moitas devolucións de recibos, retiradas importantes de diñeiro para impostos, que non sabemos cales son. Poden explicarnos estes movementos desta conta?.

