O PSDEG-PSOE DE OURENSE SÚMASE ÁS REIVINDICACIÓNS DA PLATAFORMA SANITARIA DE VALDEORRAS, O BOLO E TRIVES E PARTICIPARÁ NA MANIFESTACIÓN DO SÁBADO NO BARCO
As e os socialistas denuncian a “precariedade” dos servizos de saúde no oriente ourensán e defenden que a veciñanza de Valdeorras e de comarcas como Viana ou Trives “non son cidadáns de segunda e merecen unha atención sanitaria digna e igual ao do resto de Galicia”
Apuntan que “estamos ante un grave problema de falla de persoal que o goberno autonómico de Rueda se nega a corrixir” e fan fincapé en que “entre a non cobertura destas prazas, os recortes atroces e o desmantelamento de servizos, o PP estalle dando un golpe mortal a sanidade no oriente ourensán”
“O hospital comarcal de Valdeorras tiña que ser o epicentro da atención sanitaria, pero a base de recortes e precarización, o PP pretende convertelo nun simple PAC, ou incluso nun centro de saúde”, denuncian dende o PSdeG-PSOE ourensán
Valdeorras, 21 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense súmase ás reivindicacións da plataforma sanitaria de Valdeorras, O Bolo e Trives que convocou para este sábado 22 de novembro unha manifestación que partirá ás 18:00 hora das portas do hospital comarcal de Valdeorras. As e os socialistas denuncian a “precariedade” dos servizos de saúde no oriente ourensán e defenden que a veciñanza de Valdeorras e de comarcas como Viana ou Trives “non son cidadáns de segunda e merecen unha atención sanitaria digna e igual ao do resto de puntos de Galicia”.
Dende o PSOE ourensán explican que estamos ante comarcas cunha poboación moi envellecida e núcleos moi dispersos, “o que complica a mobilidade a hora de achegarse para recibir atención médica”. Nos últimos meses os centros de saúde do Bolo, A Veiga ou Rubiá perderon ao seu médico titular e noutras localidades as ausencias “non se están cubrindo, o que provoca que as consultas se pechen durante días, obrigando a veciñanza a percorrer ducias de quilómetros para recibir atención sanitaria noutros concellos”.
“As listas de agarda son cada vez máis longas, o que provoca retrasos nos diagnósticos e un impacto moi negativo nos pacientes, a gran maioría deles de idade avanzada e que padecen doenzas crónicas”, critican as e os socialistas. Neste senso apuntan que “estamos ante un grave problema de falla de persoal que o goberno autonómico de Alfonso Rueda se nega a corrixir” e fan fincapé en que “entre a non cobertura destas prazas, os recortes atroces e o desmantelamento de servizos, o PP estalle dando un golpe mortal a sanidade no oriente ourensán”.
Un hospital comarcal que o PP pretende converter nun PAC ou centro de saúde
O PSdeG-PSOE de Ourense tamén pon o foco na situación que vive o hospital comarcal de Valdeorras, do que segundo afirman “tiña que ser o epicentro da atención sanitaria e a base de recortes e precarización, o PP pretende convertelo nun simple PAC, ou incluso nun centro de saúde”. As e os socialistas sinalan que “estamos ante unha situación límite e de extrema gravidade por mor da falla de especialistas e facultativos, tras anos de desmantelamento e falla de planificación por parte dos diferentes gobernos autonómicos do Partido Popular”.
Nos últimos anos o hospital comarcal leva perdido varios servizos fundamentais como uroloxía e vendo como se recortan outros como rehabilitación, oftalmoloxía, radioloxía ou traumatoloxía. A isto súmase a “negativa” do PP a dotar ao hospital dun servizo de neumoloxía, tal e como levan reclamando á veciñanza e o PSdeG-PSOE de Ourense durante os últimos anos para atender as patoloxías provocadas pola silicose. Situación similar acontece con xeriatría “da que a día de hoxe seguimos sen novas, cando estamos falando de que o oriente ourensán conta cunha das poboacións máis envellecidas de Galicia”.
Asemade tamén lembran o acontecido coa incubadora de traslado neonatal nas últimas semanas que quedou inoperativa durante uns días por mor dunha varía, situación que para as e os socialistas “é de extrema gravidade”, xa que tal e como apuntan este equipamento sanitario “é fundamental para garantir a seguridade dos recentemente nados que precisen ser derivados ao Complexo Hospitalario de Ourense ou a outro centro de referencia”. Neste senso tamén remarcan que o hospital “conta a día de hoxe cun equipamento obsoleto”, motivo polo que esixen “solucións inmediatas para o servizo de xinecoloxía obstetricia” e que deste xeito “se poña fin ao desmantelamento do paridoiro, co que o PP pretende derivar os partos a Ourense”.
“A situación da sanidade no oriente ourensán é o exemplo palmario da falla de planificación e do desleixo da Xuinta de Galicia e do Partido Popular en materia sanitaria, debido, especialmente, a máis de 10 anos de desmantelamento continuado de servizos”, denuncian as e os socialistas.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense animan á veciñanza das comarcas de Valdeorras, Trives e Viana a sumarse a manifestación para reclamar unha sanidade digna e anuncian que “seguiremos loitando por rematar co desleixo e o abandono que sofre o oriente ourensán por parte do Partido Popular”. As e os socialistas estarán representados na mesma por alcaldes, alcaldesas, voceiros, voceiras, concelleiros, concelleiras, deputadas, deputados e militantes chegados de tódolos puntos das comarcas afectadas e do resto da provincia.

